'Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Un camiño para acabar coa pobreza e as desigualdades alá e acolá' é o título da novidosa e creativa exposición ideada polo Fondo Galego que abre o número 149 do boletín 'Infórmate a Fondo'. A mostra, que xa está a disposición das deputacións e concellos socios, reúne 17 viñetas de 15 debuxantes, tanto de Galicia coma da África lusófona, co obxectivo de fomentar a reflexión sobre temas como a loita contra a fame, o acceso á saúde e á educación, a equidade de xénero ou a protección do planeta.
A publicación electrónica faise eco asemade da nova edición das Vacacións con Traballo, que ata o 30 de abril mantén aberto o prazo para que persoal das administracións socias envíe a súa candidatura para cooperar cos parceiros en Cabo Verde e Mozambique. O programa de voluntariado internacional forma parte do Plan de Actividades 2018, do que tamén se ofrece un resumo logo de que fora aprobado pola Asemblea Xeral.
Doutra banda, nas fotonovas podemos atopar a mostra fotográfica 'No colo da esperanza', realizada por Felipe Carnotto na "ruta dos Balcáns", pola que foxen as persoas refuxiadas. Tamén o balance das xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria, así como a publicación da memoria de 2017 ou do propio caderno de experiencias das Vacacións con Traballo. O IAF péchase coa axuda alimentaria facilitada á poboación saharauí o pasado ano nos campamentos de Tinduf.