O boletín 'Infórmate a Fondo' chega ao número 147 reflectindo a conmemoración dos vinte anos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, así coma os resultados da última edición do programa Vacacións con Traballo, que levou a dúas empregadas municipais galegas a colaborar cos nosos parceiros en Mozambique durante o mes de setembro, mentres que en outubro unha técnica mozambicana e outra de Cabo Verde intercambiaron experiencias en distintos concellos socios.
As fotonovas ilustran asemade a elección do Fondo Galego para a presidencia da Confederación de Fondos, a reactivación da Comisión de Cidades e Deputacións, a participación no Foro Mundial do Desenvolvemento Local en Cabo Verde ou as adhesións de Monfero e Alfoz a esta rede de administracións locais comprometidas cos dereitos humanos. Fanse eco asemade de actividades como as proxeccións do documental 'Dreaming Nicaragua' ou o encontro coa feminista haitiana Caridade Valcourt organizado pola ONGD Implicadas no Desenvolvemento.
O IAF incorpora tamén unha entrevista coa concelleira de Servizos Sociais e Discapacidade de Monforte de Lemos, Gloria Prada, na que a vogal da Comisión Executiva do Fondo Galego defende o valioso que é formar parte da asociación. A publicación trimestral péchase co balance do proxecto realizado en colaboración con Acnur para asistir a solicitantes de asilo en Serbia.