O artigo principal dá conta dos avances nesta iniciativa cofinanciada pola UE e do papel do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade compartindo a súa experiencia. Ao tempo, amósanse as imaxes máis representativas das diferentes fases deste proxecto que busca promover as redes de cooperación descentralizada.
"Agradecemos que o Fondo nos achegara o sistema das autoridades locais galegas para axuntar o esforzo común nunha cooperación cualificada", comenta na entrevista Petra Schmettow, da ong xermana Fine+P. Hermínia Ribeiro, do Instituto Marquês de Valle Flôr, engade que "Compartir experiencias co Fondo Galego foi esencial para que as Cámaras portuguesas estean a constituír a súa propia Rede".
Tamén o director do Igadi, Xulio Ríos, cre que "moitas características do modelo do Fondo Galego son exportables na cooperación descentralizada a nivel mundial". Mentres que a presidenta da entidade, Teresa París, considera que "a participación neste proxecto constitúe un salto cualitativo no recoñecemento do esforzo realizado polas administracións locais".