O escritor Fran Alonso denunciou esta mañá que “62 anos despois da súa aprobación e proclamación, nunha histórica Asemblea Xeral de Nacións Unidas no ano 1948, o mundo suspende en Dereitos Humanos”. Con esta frase daba comezo o manifesto que o recoñecido autor leu no acto organizado en Santiago de Compostela polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para conmemorar o Día Internacional dos DDHH.
Alonso enumerou lacras que seguen a aumentar, como “a fame, a precariedade laboral, o acoso, o maltrato, a violencia, a discriminación, a censura, a inxustiza, a escravitude, a tortura, a detención arbitraria, a persecución ideolóxica, o sexismo, a falta de liberdade, a pobreza, a negación da educación, etc”. O escritor puxo nomes propios a algunhas destas problemáticas. Fíxose eco asemade dos datos segundo os que “cinco millóns de nenos e nenas morren anualmente debido á fame e a desnutrición”, “hai 2.000 millóns de persoas que carecen de saneamento e de auga potable” e “cada 5 minutos prodúcese no mundo unha morte violenta”.
O autor do manifesto para o Fondo Galego, titulado O cromosoma dos Dereitos Humanos, indicou que as vítimas “non buscan compaixón, buscan xustiza” e promulgou que “as cifras poden cambiarse”, aínda que “a igualdade e a xustiza non existen se, primeiro, non se recoñece a diferenza”. O texto alertaba tamén do “abandono dos compromisos dos países máis ricos respecto da axuda aos países pobres”. Tras citar a Benedetti, Lennon, Galeano, ou Manu Chao, concluía que “se somos quen de crer nos DDHH, seremos quen de respectalos”. “O respecto aos Dereitos Humanos, construídos a partir da palabra, asenta no individuo o cromosoma máis característico que identifica a nosa especie: a racionalidade”, remataba.
Campaña de incidencia política
A lectura do manifesto asinado por Fran Alonso constituíu a apertura da Asemblea Xeral Extraordinaria do Fondo Galego de Cooperación, na que estaban chamadas a participar as administracións socias, 99 Concellos e as catro Deputacións. Previamente, celebrárase una Asemblea Xeral Ordinaria na que se informou, entre outros temas, das novas Liñas Estratéxicas para Cabo Verde que renovan o compromiso da cooperación municipalista co arquipélago africano. Deuse conta asemade do novo Plan de Sensibilización, que dá continuidade ao exitoso percorrido que xa se viña experimentando nesta área, e lembráronse os múltiples proxectos que o Fondo Galego ten agora en marcha, entre eles un para Haití.
A Comisión Executiva puxo tamén en coñecemento da Asemblea de socios que se está a iniciar unha campaña de incidencia política coa intención de que todos os partidos inclúan nos seus programas para as próximas eleccións municipais a cooperación municipalista e o compromiso co Fondo Galego. Trátase así de garantir que a solidariedade cos países empobrecidos se incorpore ás axendas dos futuros gobernos locais e provinciais.
Preme aquí para ler o manifesto escrito por Fran Alonso