O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade participou esta semana en Eivissa nunha xornada de formación en materia económica organizada pola Confederación de Fondos de Cooperación y Solidariedad, rede estatal na que a entidade galega exerce a Presidencia.
Persoal técnico do Fondo Galego trasladouse o 22 de outubro á illa balear para participar nun encontro arredor da xestión económica e financeira da cooperación descentralizada, que tiña como obxetivo compartir aprendizaxes e mellorar a xestión interna de cada un dos fondos que forman parte da Confederación, fortalecendo así o rigor técnico, a transparencia e a participación dos socios.
Durante a xornada, cada un dos fondos participantes socializaron os seus sistemas de xestión na área de economía e finanzas. Ademais, contouse cun relatorio a cargo de Rafael García Maties, presidente de Municipalistas por la Solidariedad y el Fortalecimiento Institucional (Musol), na que se expuxeron as novidades normativas aplicables ás políticas de cooperación internacional, principalmente a respecto das incidencias nos procedementos de xustificación de subvencións. Cara o remate da sesión, as e os xerentes dos distintos fondos mantiveron unha xuntanza na que se traballou o plan conxunto da Confederación para o próximo ano.
A Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade é un marco de coordinación e representación conxunta naquelas temáticas que, pola súa importancia, afectan aos intereses comúns dos diferentes Fondos de Cooperación e Solidariedade existentes no estado español.