Que é?

O Fondo Galego de Cooperación e solidariedade é unha asociación sen ánimo de lucro integrada por administracións locais de Galicia unidas pola vontade común de contribuír á erradicación das desigualdades Norte-Sur, a través de proxectos de cooperación ao desenvolvemento con países empobrecidos e a sensibilización social en Galicia.

O Fondo Galego é un espazo transpartidario e plural, libre de personalismos políticos, inspirado pola vontade de consenso e pola idea de que a solidariedade e a cooperación internacional deben ser áreas de colaboración e non de confrontación.

Obxectivos

  • Contribuír, desde as administracións locais galegas, ao desenvolvemento dos países e comunidades empobrecidas para promover cambios positivos e sostibles nas condicións de vida que contribúan á plena realización dos Dereitos Humanos Universais.
  • Promover unhas administracións locais e unha cidadanía galega sensibilizadas, concienciadas e comprometidas coas políticas e accións de cooperación ao desenvolvemento, co obxecto de favorecer unha maior comprensión da realidade dos países empobrecidos, da necesidade dun compromiso ético na loita contra as desigualdades e a prol dunha maior equidade a nivel global.
  • Promover e posibilitar que todas as administracións locais galegas poidan impulsar e/ou ser partícipes de accións e políticas de cooperación ao desenvolvemento, potenciando a coordinación das mesmas.
  • Defender, reivindicar e visibilizar a cooperación ao desenvolvemento, especialmente a impulsada polas administracións locais galegas, ante todo tipo de organismos e institucións.
  • Procurar que progresivamente as administracións locais galegas que formalicen o seu compromiso con políticas de cooperación ao desenvolvemento incrementen os seus respectivos orzamentos para este fin.
  • Promover programas de voluntariado nacionais e/ou internacionais co obxecto de contribuír á solidariedade entre os pobos.
  • Calquera outro obxectivo de similar natureza que non sexa contrario á normativa legal vixente en cada momento.

Orixe

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade naceu en 1997 como expresión institucional da crecente sensibilidade cidadá arredor das crises humanitarias, a pobreza mundial, catástrofes e guerras, grazas ao impulso do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), think tank de relacións internacionais centrado na promoción de Galicia no exterior, xunto a dez concellos galegos (Allariz, Arteixo, Brión, Culleredo, Fene, Moaña, Nigrán, Oleiros, A Pobra do Caramiñal e Porto do Son) e ao apoio da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Xunta de Galicia, Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad e a Oficina de Información da ONU en Madrid.

Evolución

1992-1997

  • Primeiras aproximacións teóricas ao fenómeno da cooperación descentralizada en Galicia por medio do Igadi

1997

  • Constitución do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

1998

  • Adhesión do Fondo Galego á Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad
  • Constitución do Consello Municipalista da Cooperación
  • Posta en marcha da convocatoria anual de proxectos para ONGD

2000

  • Primeiro convenio de colaboración asinado coa Xunta de Galicia para actividades de sensibilización en Galicia.

2001

  • Primeiro convenio de colaboración asinado coa Xunta de Galicia para proxectos de cooperación ao desenvolvemento en países do Sur.

2002

  • Inicio da cooperación municipalista con Cabo Verde da man da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos.

2003

  • Creación da Rede Municipalista Solidaria.

2005

  • Primeira vez que o Fondo Galego mobiliza axuda de emerxencia, motivado polo tsunami en Sri Lanka do ano 2004

2006

  • Lanzamento do programa de voluntariado e cooperación técnica Vacacións con Traballo.

2008

  • Máximo histórico en número de entidades socias (107).

2010

  • Impúlsase a área de comunicación con enfoque de Dereitos Humanos como piar do traballo desenvolvido pola entidade.

2011

  • Último ano no que a Xunta de Galicia financia proxectos de cooperación ao desenvolvemento da man do Fondo Galego.

2013

  • Froito da crise económica, a Xunta de Galicia non asina nesta anualidade o convenio de colaboración co Fondo Galego.

2015

  • Fin da convocatoria anual de proxectos para ONGD que, a partir desta data, pasa a realizarse en función da dispoñibilidade orzamentaria.

2016

  • Inicio da cooperación municipalista en Mozambique da man da Asociación Nacional de Municipios Mozambicanos.

2017

  • Lanzamento do programa de voluntariado Vacacións con Traballo en Galicia.

2020

  • O Fondo Galego por primeira vez na historia conta con persoal técnico propio.

2017-2000

  • O Fondo Galego ocupa a Presidencia da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade.

2019

  • Impulso da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS.
    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información