O obxectivo desta exposición é dar a coñecer os proxectos impulsados arredor do ODS 3 polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade canda os parceiros da África Lusófona. Búscase así poñer en valor a cooperación internacional impulsada polas deputacións e concellos, ao tempo que se fomenta a corresponsabilidade, a empatía e a convivencia intercultural.
Contido
A mostra ‘Saúde universal. Proxectos que dan vida’ amosa o impacto das iniciativas apoiadas nos últimos anos polo Fondo Galego en materia de saúde, desde o combate á Covid-19 en Guinea-Bissau ata a pobreza menstrual en Mozambique ou a hixiene en Cabo Verde, sen esquecer a saúde materno-infantil. Aos habituais textos e fotografías súmanse as ilustracións de Sandra Lodi -Premio Castelao de banda deseñada- e mais os testemuños que nos chegan desde terreo, aos que se pode acceder a través de códigos QR.
Ficha técnica
Versión interiores: 9 paneis en cartón pluma de 100×70 cm que se montan sobre cabaletes de pintor de campo (pódese colocar directamente sobre paredes lisas con tiras adhesivas).
Embalaxe: Cadros: 1 caixa de 100x70x12 cm. Cabaletes: 2 caixas.
Versión exteriores: 9 lonas de 100×70 cm con ollais para atar con bridas (pódese colocar nun peche perimetral xa existente ou ben en valados de obra instalados ad hoc).
Embalaxe: 1 funda tipo roll-up.
Actividades complementarias
Inauguración
Suxírese organizar un acto inaugural no que participe a/o representante política/o ou técnica/o do Fondo Galego no concello ou deputación, a modo de presentación ante a cidadanía e os colectivos sociais en xeral e aos medios de comunicación en particular. Desde a nosa Área de Comunicación facilitaremos modelos dos materiais necesarios: nota de prensa, cartelería, fotografías, etc.
Coloquios
Os concellos que acollan a exposición poden contactar con ONGD locais que poidan ofrecer charlas, proxeccións, obradoiros, etc. nas que se estableza un debate participativo para dar a coñecer a realidade da África lusófona, mesmo contando co testemuño de posibles veciñas/os migrantes.








