O obxectivo desta exposición é dar a coñecer os proxectos impulsados arredor do ODS 6 polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade canda os parceiros da África Lusófona. Búscase así poñer en valor a cooperación internacional impulsada polas deputacións e concellos, ao tempo que se fomenta a corresponsabilidade, a empatía e a convivencia intercultural.
Contidos
A mostra ‘Fontes de solidariedade. Auga que flúe de Galicia a África’ amosa o impacto das iniciativas apoiadas polo Fondo Galego para dotar de auga potable as aldeas de Guinea-Bissau, fomentar a agricultura en Cabo Verde ou previr os ataques dos crocodilos en Mozambique. Sempre tendo en conta o enfoque de xénero e a plusvalía da cooperación técnica. Cun innovador e colorido deseño, os textos e fotografías compleméntanse con debuxos elaborados polo alumnado da escola construída en Guinea-Bissau.
Características técnicas
Versión interiores: 20 paneis impresos en téxtil xa montados sobre 10 cabaletes de bambú (1 lona por cada lado) de 1 x 1’70 m, que se abren e se colocan en disposición triangular (4-3-2-1). Como complemento, proporcionaranse 10 bidóns de cores que poden colocarse a carón dos paneis.
Embalaxe: 3 caixas de 175x100x30 cm.
Versión exteriores: 6 lonas con ollais para atar con bridas (pódese colocar nun peche perimetral xa existente ou ben en valados de obra instalados ad hoc).
3 lonas de 3 x 1,40 m (co contido de 4 paneis cada unha).
2 lonas de 2,25 x 1,40 m (co contido de 3 paneis cada unha).
1 lona de 1,5 x 1,40 m (co contido dos 2 paneis finais).
Embalaxe: 1 funda tipo roll-up.
Actividades Complementarias
Inauguración
Suxírese organizar un acto inaugural no que participe a/o representante política/o ou técnica/o do Fondo Galego no concello ou deputación, a modo de presentación ante a cidadanía e os colectivos sociais en xeral e aos medios de comunicación en particular. Desde a nosa Área de Comunicación facilitaremos modelos dos materiais necesarios: nota de prensa, cartelería, fotografías, etc.
Coloquios
Os concellos que acollan a exposición poden contactar con ONGD locais que poidan ofrecer charlas, proxeccións, obradoiros, etc. nas que se estableza un debate participativo para dar a coñecer a realidade da África lusófona, mesmo contando co testemuño de posibles veciñas/os migrantes.



















