– A actividade complementa a exposición sobre os ODM que está a xirar polos tres institutos da vila para sensibilizar sobre as desigualdades e a solidariedade
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade estrea hoxe venres o seu ciclo de 'Charlas contra a indiferenza' da man do Concello da Estrada, socio da entidade municipalista. Roberto Mansilla, analista do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), impartirá esta primeira conferencia no IES nº 1, a partir das 12.30 horas.
'Os Obxectivos do Milenio e os Dereitos Humanos, avanzamos ou retrocedemos?' é o título desta intervención dirixida ao alumnado, que complementa a exposición sobre os ODM que está a percorrer os tres institutos da vila. Tanto a conferencia como a exposición buscan facer reflexionar os estudantes sobre as oito metas prioritarias que fixaron hai máis dunha década os estados membros da ONU para construír un mundo máis xusto, concienciando á vez sobre a pobreza, as desigualdades e a solidariedade.
Especialistas de prestixio participarán na decena de 'Charlas contra a indiferenza' que o Fondo levará por toda Galicia no que resta de 2012. Trátase dunha nova actividade incluída este ano no Plan de Sensibilización da asociación, a demanda das Deputacións e Concellos socios. As conferencias profundan nas temáticas abordadas nas exposicións que xa levan varios anos en marcha: 'Os Obxectivos do Milenio 2000-2015', 'A paz cuestión de fondo' e 'Influír no global desde o local: as entidades locais galegas perante un mundo desigual e inxusto'.