– Como se xestou a incorporación do Concello da Laracha ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade?
Os membros do equipo de goberno do Concello da Laracha mantivemos un contacto directo cos directivos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que nos expuxeron o seu programa de actuación e nos detallaron as actividades que realizan. Tras coñecer persoalmente o traballo que desenvolven en beneficio dos máis desfavorecidos, consideramos que debíamos participar e aportar o noso gran de area. Inmediatamente levamos a proposta da adhesión ao Pleno e a Corporación aprobouna por unanimidade.
– Que levou ao grupo de goberno a apostar por esta incorporación?
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade pon en marcha e desenvolve programas para mellorar a calidade de vida de moita xente desfavorecida e ese traballo, se temos a posibilidade económica, debe ser apoiado, principalmente polas administracións e representando, no noso caso concreto, a todos os veciños da Laracha. Desde o Concello debemos aportar o que poidamos, pero tamén dar exemplo para concienciar sobre a problemática da xente que carece dos medios de vida máis elementais.
– Semella que, no caso da Laracha, a crise non serviu como escusa para eludir o compromiso cos países empobrecidos…
Como todos os concellos, A Laracha tamén sufriu as consecuencias das crise económica que vivimos. Pero nós temos unha economía saneada e pola nosa xestión incluso recibimos a felicitación do presidente da Deputación Provincial da Coruña. Ao xestionar o concello facémolo con eficacia e responsabilidade: é fundamental reservar partidas orzamentarias para o persoal, investimentos, mantemento e servizos á poboación. Se despois diso é posible, debemos apoiar iniciativas solidarias como esta.
– Por que estima que os Concellos deben facer cooperación internacional? Cal é o valor engadido que poden achegar as entidades locais?
Os concellos representamos aos nosos veciños e somos o reflexo das súas inquedanzas. Por iso somos as administracións as que debemos dar o primeiro paso para apoiar iniciativas solidarias a todos os niveis, nacionais e internacionais, nas que seguramente moita xente estaría interesada en participar a nivel particular, pero non pode facelo por non dispoñer de recursos económicos. Coa achega do concello, todas esas persoas poden verse representadas e saber que, dunha ou outra maneira, tamén están participando nesta causa solidaria.
– Tiña xa a Administración local algunha experiencia no eido da cooperación para o desenvolvemento?
O Concello da Laracha está adherido desde hai varios anos ao programa de reparto de alimentos da Cruz Vermella e recentemente asinamos un convenio de colaboración coa Fundación Amigos de Galicia. Tamén reservamos anualmente nos orzamentos unha partida económica para o fondo de emerxencia social. Todo iso co obxecto de garantir que os veciños máis desfavorecidos da Laracha teñan garantido cubrir todas as necesidades básicas e un nivel de vida digno.
– Cales son as expectativas municipais respecto desta integración no Fondo Galego?
Beneficiar ás persoas máis desfavorecidas e, na medida das posibilidades, ir aumentando a nosa participación e achega económica a estas iniciativas.
– Que mensaxe lles enviaría aos responsables políticos daqueles Concellos que aínda non se decidiron a sumarse ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade?
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade traballa para mellorar as condicións de vida de moita xente en aspectos como a alimentación, a sanidade, a educación e os diferentes servizos básicos. O seu labor fai máis digna a vida de persoas desfavorecidas e incluso salva vidas. Eu animo a que todos os concellos que teñan a posibilidade de facelo dean o paso e se unan ao Fondo, porque se cada un fai unha achega pequena, entre todos conseguiremos moito.