Ecos do Sur desenvolveu na última semana senllos obradoiros de concienciación sobre a realidade africana e as causas da pobreza no CEIP Virxe do Carme e no CEIP Vista Alegre de Burela. A iniciativa encádrase no proxecto para mellorar as condicións educativas e sanitarias dunha escola en Mozambique, financiado á ONGD polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que vén de rematar. As actividades de sensibilización xa se realizaran a finais de ano no CEIP Ría do Burgo, en Culleredo, e no CEIP A Fraga, das Pontes, arredor do Día de África.
Monitorado de orixe mozambicana cóntalles ás rapazas e rapaces 'A historia de Brasz e o tesouro da súa avoa mozambicana' na primeira sesión. A medida que avanza o relato, vanse sacando diferentes obxectos dunha maleta co obxectivo de dar a coñecer a cultura e costumes da poboación do país lusófono. Este achegamento dá pé á explicación sobre o proxecto que se executa en terreo para facilitar o acceso igualitario á educación e reducir a incidencia de enfermidades. Tamén se reflexiona arredor das consecuencias da cooperación internacional, as relacións entre os países do Sur e do Norte, etc.
Na segunda xornada, faise fincapé na desigual distribución dos recursos e as causas da pobreza, amais de presentar os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio. A través de diferentes dinámicas, trabállanse as vías para chegar a unha solución e os roles dos múltiples axentes implicados, comezando pola necesidade dun consumo responsable e sostible. Para rematar, elaborarase unha árbore baobab con cartón e outros produtos reutilizados, para introducir o alumnado na concienciación ambiental. Tamén poden xurdir iniciativas como a realización dunha campaña de sensibilización e captación de fondos impulsada polo propio centro educativo, como pode ser un mercadiño solidario de xoguetes ou de obxectos elaborados polas e polos estudantes con materiais reciclados.