O Fondo Galego de Cooperación e a ONGD Ecos do Sur están a mellorar as condicións educativas e sanitarias na escola de Hitakula das Mahotas, en Mozambique. A asociación de concellos e deputacións cofinancia con 18.000 euros este proxecto, no que se incorporan actividades de sensibilización en diversos centros educativos galegos arredor do Día de África, que se conmemora este domingo, 25 de maio.
A intervención no colexio mozambicano permitirá reparar e estender os servizos de auga e saneamento, ao tempo que se formará á poboación en temas de hixiene, saúde e xestión da auga. Limpar e ampliar as foxas sépticas, construír desaugues para as duchas, instalar portas e pechaduras nos aseos ou montar os sanitarios son algunhas das actuacións levadas a cabo, coa asociación Adane Moçambique como parceiro local. Ao tempo, capacítase a un grupo de axentes promotores para impartir charlas nas aulas sobre boas prácticas hixiénicas e ambientais e para crear Brigadas Verdes que conciencien á comunidade neste eido.
A escola e centro infantil de Hitakula das Mahotas foise deteriorando ao verse desbordada pola migración interna cara a capital. Na actualidade acolle máis de 2.500 estudantes, dos que un 57% son nenas. O proxecto permitirá ir aumentando o número de prazas, nun país cun 20% de analfabetismo, maioritariamente femininino, e facilitará o acceso igualitario á educación, pois prevese que descenda o absentismo escolar das rapazas ao garantirlles maior seguridade e intimidade, sobre todo cando teñen a menstruación. Porén, o beneficio será para todas e todos, xa que ao eliminarse as deposicións no patio e nas inmediacións reducirase tamén a incidencia de doenzas coma o cólera ou a diarrea, nunha zona cunha taxa de mortalidade infantil das máis elevadas do mundo.
De xeito paralelo, Ecos do Sur está a realizar en centros educativos de Galicia actividades de sensibilización para dar a coñecer a situación en Mozambique, así coma os Obxectivos do Milenio e os avances posibilitados pola cooperación internacional. Foméntase asemade o intercambio de experiencias entre o alumnado de senllos países lusófonos.