Xa está dispoñible na canle do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Youtube o vídeo onde se resume o proxecto cofinanciado a Agareso para a prevención de riscos fronte aos desastres naturais en El Salvador, que vén de chegar ao seu ecuador. A peza ilustra asemade a visita de dúas reporteiras e un reporteiro de Radio Tehuacán a senllos institutos de concellos socios do Fondo Galego, o IES Mendiño de Redondela e o IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra, para achegarlle ao alumnado a realidade do Sur.
Yasmin Pineda, José Manuel Rodríguez e Iris Mijango, que viaxaron a Galicia por invitación dun grupo de ONGD, contan de primeira man como esta emisora comunitaria desenvolve un papel fundamental informando e sensibilizando á poboación. Alén de apoiar este medio de comunicación, o proxecto implementado en terreo por Cordes incorpora formacións co alumnado da rexión do Bajo Lempa e con membros de Protección Civil, tal e como explica a técnica de proxectos da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios, Lorena Seijo.
Canda as actividades realizadas na nosa contorna, o vídeo amosa imaxes das accións que se están a executar en terreo e tamén do labor de Radio Tehuacán, neste caso gravadas pola produtora local RC Films & Editions. Para rematar, a concelleira de Benestar Social en Pontevedra, Carme Fouces, valora a pertinencia deste tipo de actos de sensibilización e a importancia de pertencer ao Fondo Galego. Nas próximas semanas, voluntariado de Agareso desprazarase ao país centroamericano para gravar un documental máis amplo sobre a participación comunitaria que logo se difundirá en centros educativos galegos.