Dez concellos implican á mocidade no coidado do medio ambiente a través do debuxo urbano

Dez concellos implican á mocidade no coidado do medio ambiente a través do debuxo urbano

Dez concellos implican á mocidade no coidado do medio ambiente a través do debuxo urbano 1920 1280 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Mozas e mozos de dez concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade participan nos obradoiros de debuxo urbano do proxecto europeo People & Planet, que busca implicar á xente nova na loita contra o cambio climático. A actividade pon en valor distintos espazos naturais que as e os artistas deben representar, achegando a súa visión persoal a través do seu propio estilo pictórico, ao tempo que fomenta novas habilidades para implicarse na procura do ben común dun xeito creativo.

A Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración ‘O garaxe hermético’, dirixida por Kiko da Silva, imparte esta actividade nos municipios da Laracha, Boiro, Bueu, Burela, Fene, O Irixo, Nigrán, Pontedeume, Ribeira e Santiago de Compostela. Nos obradoiros de “urban sketching” póñense en práctica as técnicas dun movemento creativo que se propón contar a realidade en primeira persoa a través do debuxo, celebrar a diversidade de miradas e compartilas cos demais. Un recurso expresivo que pon de relevo a capacidade de observación destas reporteiras e reporteiros visuais en relación coa temática abordada.

A composición da paisaxe, a perspectiva ou a luz son algúns dos aspectos técnicos que se tratan durante a xornada, de catro horas de duración, na que se ofrece un soporte personalizado e se empregan materiais sustentables. Ademais, a sesión comeza cunha explicación sobre o espazo seleccionado e remata cunha reflexión crítica arredor da conservación ambiental e do impacto causado polo ser humano. Por último, unha vez finalizados os dez obradoiros, as obras resultantes complementaranse cun texto literario escrito por Manuel Lourenzo González, dando lugar a un libro virtual que amplificará o obxectivo desta actividade na que se pon de relevo o potencial transformador da arte.

Os obradoiros de debuxo urbano forman parte dos Global GreenLabs que se levarán a cabo nos os oito estados membros da UE que participan no proxecto People & Planet, se ben cada un escolle a súa propia metodoloxía. Nestes “laboratorios” promóvese a reflexión-acción a través de pequenas actividades experienciais, que poden tomar diferentes formas pero nas que o nexo común é o traballo manual, que ademais permite xerar un produto tanxible ao remate. Trátase dun achegamento práctico que contribúe a fixar as aprendizaxes, a través dunha participación directa e interactiva que facilita a apropiación e, por tanto, a mobilización.

#PeopleAndPlanet

O proxecto ‘People & Planet: un destino común’ ten como obxectivo concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, busca tamén reforzar aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030, en especial o ODS 13, que chama a adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 19 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información