Deputacións e concellos están chamados a apoiar a Mozambique tras o devastador ciclón

Deputacións e concellos están chamados a apoiar a Mozambique tras o devastador ciclón

Deputacións e concellos están chamados a apoiar a Mozambique tras o devastador ciclón 1032 774 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación destinará 10.000 euros a paliar a emerxencia xerada en Mozambique tras o paso do devastador ciclón Idai, facendo partícipes deste xeito ás tres deputacións e os 97 concellos que o integran da solidariedade internacional. A contía pode ampliarse coas achegas das administracións locais, socias ou non da entidade, que desexen sumarse á reconstrución da vila de Nhamatanda, unha das máis prexudicadas tanto polo furacán como polo brote de cólera que lle seguiu.

A achega canalizarase a través da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM), que identificou como prioridade a dotación de depósitos de auga, produtos para o seu tratamento, útiles de hixiene persoal e limpeza e mais materiais de construción para poder reparar vivendas e infraestruturas, que resultaron gravemente danadas. Cun censo que rolda os 25.000 habitantes, Nhamatanda é o municipio que presenta unha maior taxa de poboación empobrecida dos que resultaron máis afectados polo desastre meteorolóxico, de aí que o Fondo Galego decidise apoiar esta área, á que apenas chegou asistencia.

O Idai está considerado un dos peores ciclóns tropicais dos que se ten constancia en todo o hemisferio sur. A mediados de marzo tocou terra en Mozambique, onde provocou máis de 600 mortes. Unhas 400.000 persoas perderon os seus fogares, alén da destrución de pontes e outras vías de comunicación. Os terreos de cultivo ficaron completamente anegados, deixando a milleiros de familias sen os seus medios de subsistencia. Os servizos de educación e saúde víronse interrompidos e apenas hai acceso á auga potable.

A Asemblea Xeral do Fondo Galego, celebrada a finais de marzo, acordou canalizar a axuda de emerxencia a Mozambique a través de parceiros locais cos que xa tiña unha liña de traballo establecida. Preténdese así asegurar o impacto das achegas e reforzar aos municipios do país lusófono, garantindo a transparencia na xestión dos fondos, que se transferirán integramente á ANAMM para mitigar a situación de risco en Nhamatanda. As deputacións e concellos que desexen contribuír a esta causa poden poñerse en contacto coa Secretaría Técnica do Fondo Galego no enderezo electrónico acorzo@igadi.org ou no teléfono 986 843 436.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información