Deputacións e concellos apoian a reconstrución de Gaza e Filipinas a través do Fondo Galego

Deputacións e concellos apoian a reconstrución de Gaza e Filipinas a través do Fondo Galego

Deputacións e concellos apoian a reconstrución de Gaza e Filipinas a través do Fondo Galego 1199 614 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade destinará 20.000 euros á recuperación de Palestina tras os últimos bombardeos israelís e outros 10.000 euros á poboación filipina afectada polo tifón de 2013. A Asemblea xeral de socios celebrada esta mañá en Santiago de Compostela resolveu ademais cofinanciar con 152.345 euros seis proxectos de ONGD galegas en países empobrecidos.

A Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina (UNRWA) recibirá 10.000 euros para apoiar o traballo dos equipos de saúde mental da entidade que atenden á poboación no contexto postbélico. Os outros 10.000 euros canalizaranse a través da Asociación Médica Hispano Palestina, que vehiculiza a entrada e distribución de material médico e farmacéutico na Franxa.

Doutra banda, os 10.000 euros para Filipinas corresponden a achegas extraordinarias dos Concellos de Narón e Pontevedra, xunto coa recadación dun concerto solidario organizado polo Concello de Lugo. A doazón destinarase ao Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur), que a investirá en proporcionar refuxio e materiais de primeira necesidade ás comunidades do arquipélago. Esta contía súmase aos outros 10.000 euros xa mobilizados o ano pasado poucos días despois do paso do ciclón Haiyan, cos que se dotou 1.000 familias damnificadas de tendas e artigos non alimentarios básicos de emerxencia.

Latinoamérica e India
Nicaragua, Honduras, Perú, India e Guatemala son os lugares onde sete ONGD galegas desenvolverán proxectos de cooperación internacional cofinanciados polo Fondo Galego, segundo a resolución da convocatoria de axudas ratificada esta mañá pola Asemblea. Todas elas traballan en parcería con organizacións locais e levarán a cabo ademais actividades de sensibilización en Galicia para concienciar fronte as desigualdades.

A proposta de Amigos da Terra busca facilitar o acceso á auga dun milleiro de nicaraguanas e nicaraguanos mellorando a infraestrutura e o manexo das fontes, ao tempo que se achegan solucións como a depuración biolóxica. No mesmo país, Taller de Solidaridad contribuirá a fortalecer o turismo sustentable potenciando a autosuficiencia financeira dun centro rural. Mellorar o acceso á auga potable e ao saneamento en sete municipios mediante unha xestión integrada é o fin último da iniciativa formulada por Enxeñería sen Fronteiras no Golfo de Fonseca, onde se desenvolverán formacións e estudos para formular os plans necesarios.

Intered promoverá en Perú a participación das mulleres quechuas e aimaras co fin de mellorar os servizos de atención ás vítimas de violencia familiar e sexual. Tamén na India a ONGD Implicadas no Desenvolvemento apostará por impulsar a participación social e política dunhas 1.500 mulleres do rural, mentres que en Guatemala Arquitectos sen Fronteiras colaborará no desenvolvemento autónomo apoiando unha cooperativa local de materiais de construción e reactivando a organización comunitaria, con enfoque de xénero.

*Podes ver aquí a Resolución 2014 aprobada pola Asemblea Xeral do Fondo Galego.
 

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información