O recente xuízo contra voluntarios da ONG Proem-Aid vén sumarse aos sucesivos casos de criminalización de activistas e organizacións cuxo “delito” é salvar vidas. Manuel Blanco, Julio Latorre e Quique González son os tres bombeiros andaluces, funcionarios públicos, que en xaneiro de 2016 foron detidos na illa de Lesbos cando se atopaban en comisión de servizos ou ben investindo as súas vacacións no rescate de refuxiadas e refuxiadas no Mediterráneo. Os tres veñen de ser absoltos da acusación de tráfico de persoas, pois segundo declararon en todo momento cumpriron as normas e avisaron ás autoridades das súas saídas ao mar, pero igualmente tiveron que afrontar unha inxustificada persecución polo feito de prestar axuda humanitaria.
Tamén a ONG catalá Proactiva Open Arms se viu nunha situación semellante a mediados de marzo, cando o seu buque de salvamento de persoas migrantes e refuxiadas foi retido tras subir a bordo a máis de 200 náufragos. A tripulación foi acusada de favorecer a inmigración irregular e de asociación delitiva, investigación penal que segue o seu curso pese á liberación do barco, un mes despois. Neste caso, Italia avisou á embarcación española e á garda costeira libia, que debía coordinar a operación en virtude dos opacos acordos asinados entre Roma e Trípoli, pero Proactiva optou por atracar en Sicilia ao considerar que non era viable devolvelos “en quente” a Libia. O xuíz deulles a razón, considerando que no país non se dan as necesarias condicións de seguridade e respecto aos dereitos humanos.
Diversas organizacións, como Amnistía Internacional e Oxfam, veñen denunciando que máis dun ano despois do memorando de entendemento asinado polos gobernos de Italia e Libia para frear o desprazamento de persoas cara Europa, miles de migrantes e refuxiados continúan atrapados en campos de detención libios onde os abusos están á orde do día. Esta estratexia, referendada pola Unión Europea, dotou aos gardacostas libios de formación e recursos materiais para interceptar as persoas que tentan fuxir da guerra, a persecución e a pobreza. Deste xeito, no primeiro trimestre de 2018 estímase que as chegadas á costa italiana caeron un 75%, ata situarse nas 6.600, pero non pode considerarse unha solución efectiva dado que máis de 3.000 persoas ao ano desaparecen no mar.O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade únese ás voces que claman pola suspensión deste pacto infame cun país que nin sequera ten asinada a Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados de 1951. Reclamamos que se respecte a lexislación internacional e se garanta o cumprimento dos dereitos humanos, antepoñendo o benestar das persoas a calquera outro tipo de intereses. É preciso establecer rutas seguras para aquelas e aqueles que foxen dunhas condicións de vida deplorables, así coma un proceso transparente e xusto para a solicitude de asilo. E, por suposto, esiximos o cese desta campaña persecutoria contra as organizacións que traballan no Mediterráneo e contra activistas que non fan máis que cumprir coa obriga de socorro, sacrificando as súas comodidades para botar unha man onde máis se necesita.