- O Fondo Galego naceu en 1997 como expresión da vontade de cooperación dos municipios e deputacións de Galicia para gañar eficiencia no noso compromiso solidario.
- Ao longo de case tres lustros, o Fondo Galego foi sumando vontades e recursos ata asentarse como unha rede do poder local galego con incidencia efectiva na transformación das condicións de vida nas realidades onde ven actuando e con posibilidades reais de mobilizar conciencias na propia Galicia para influír no global desde o local. O Fondo Galego participou en máis de 140 proxectos con intervencións destacadas en numerosos países onde o seu labor goza de amplo recoñecemento.
- Ese esforzo tense levado a cabo con mais entusiasmo que dotacións económicas ambiciosas produto tanto das singularidades do poder local galego como da asunción tardía da cooperación como un eixo da acción pública. E fíxose efectivo sobre a base de sumar as achegas dos diferentes asociados e garantindo un protagonismo colectivo na planificación e xestión dos proxectos orientados a transformar as condicións de vida dos potenciais beneficiarios directos.
- Demostrouse que cando a solidariedade é cousa de todos, por pequena que sexa, resulta de gran utilidade. Pero a crise pasa factura á solidariedade. Nun momento en que moitas entidades deben efectuar axustes nos seus orzamentos, a caracterización da solidariedade como un gasto prescindible ameaza seriamente as posibilidades de acción nesta materia.
- A razón esencial que desaconsella a supresión das achegas en materia de cooperación é que na inmensa maioría dos casos son de escasa contía. Poucas sombras poden iluminarse no noso entorno con esas cantidades, pero nos países do Sur, a perda desta solidariedade pode agrandar os déficits de todo tipo ata límites insospeitados e provocar pasos atrás de enorme calado. Se nada substancial poderemos resolver eliminando estas partidas, a crise non pode ser unha escusa para que os concellos galegos sigan cooperando no modesto nivel en que o veñen facendo.
- Precisamos, por outra banda, asumir certa perspectiva, evitando desestabilizar unha iniciativa, o Fondo Galego, que ao longo destes anos abriu espazos de compartido interese para todos os partidos políticos, para os concellos do interior e da costa, grandes, pequenos e medianos. Cómpre perseverar nese avance e resistir a crise mirando máis alá dela. E utilizala para mellorar e ampliar a nosa cooperación aquí, entre nós mesmos, para gañar eficiencia nos países onde actuamos.
- Non podemos dar as costas á solidariedade se queremos que os nosos propios cidadáns comprendan a súa importancia. Tanto dentro como fóra do noso territorio inmediato. Non é só un problema de recursos, éo tamén de actitudes e principios. Un mínimo de xenerosidade e imaxinación pode evitar que o Fondo e o noso modelo de cooperación se resinta pola crise.
- O Fondo Galego apela aos asociados, aos partidos políticos con representación no mundo local, e á sociedade en xeral a manter o compromiso solidario coas sociedades do Sur, preservando, afinando e afianzando o labor da súa propia axencia de cooperación.