Declaración institucional ante os bombardeos liderados por EEUU en Siria

Declaración institucional ante os bombardeos liderados por EEUU en Siria

Declaración institucional ante os bombardeos liderados por EEUU en Siria 1199 799 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O que comezou como un levantamento pacífico contra o presidente sirio Bashar al Asad en 2011 converteuse nunha cruenta guerra civil que xa segou preto de medio millón de vidas. Así mesmo, o conflito provocou un dos maiores éxodos da historia recente, con máis de 5 millóns de persoas desprazadas que ven sistematicamente vulnerados os seus dereitos, a maioría das cales se refuxian nos países veciños. Aínda que só un 10% busca asilo en Europa, aquí adoitan atoparse ademais co rexeitamento de Estados que eluden a súa responsabilidade na acollida de persoas que foxen da violencia e as inxustizas, á procura dun futuro en paz.

Neste contexto, o pasado 14 de abril Estados Unidos, con Francia e Reino Unido como aliados, decidían bombardear tres obxectivos gobernamentais tras un suposto ataque con armas químicas contra a poboación civil de Douma, en mans dos rebeldes, que deixou polo menos 40 mortos e que foi desmentido por Siria e Rusia. As tres potencias occidentais cumprían así a ameaza de Donald Trump, que pouco despois se vangloriaba do ataque nas redes sociais. E facíano sen esperar unha resolución da ONU nin a aprobación dos seus respectivos parlamentos, unha situación que infelizmente lembra á foto das Azores previa á invasión de Iraq en 2003, xustificada nunhas armas de destrución masiva que nunca apareceron e que non supuxo unha solución efectiva para a inestabilidade na zona. Trátase ademais dunha reacción moi distinta á que habitualmente se ten con gobernos como o da poderosa Arabia Saudita, cuxa intervención militar en Iemen é máis que cuestionable pero, con todo, tolerada e esquecida por potencias “amigas”, que de paso se enriquecen co tráfico de armamento.

Ante esta situación, desde o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, integrado por 94 concellos e as deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo, queremos manifestar a nosa enérxica condena aos ataques contra civís, pero tamén cremos firmemente que a resposta á violencia non pode ser máis violencia e por iso expresamos asemade o noso rexeitamento a uns bombardeos ordenados á marxe da comunidade internacional, sen que previamente se esgotase a vía diplomática.

Pola contra, reclamamos que se deixen a un lado os intereses xeopolíticos particulares e se apoien os esforzos internacionais encabezados por Nacións Unidas para negociar a paz, que ata agora foron sabotados polo réxime sirio. Neste proceso, reivindicamos ademais que se acorden treguas para abrir corredores humanitarios que permitan atender á poboación, atrapada no enfrontamento. Do mesmo xeito, esixímoslle á Unión Europea e ao Estado español que cumpran os seus compromisos respecto da acollida de persoas refuxiadas e rexeitamos calquera reacción xenófoba contra elas.

O Fondo Galego expresa a súa repulsa ante calquera inxerencia bélica en calquera lugar do mundo e pon a disposición a súa experiencia e capacidades para favorecer o diálogo entre as distintas administracións que deben participar na construción dun futuro pacífico.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información