O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de apoiar a creación da Rede Intermunicipal de Cooperaçao ao Desenvolvemento en Portugal, integrada por trece municipios lusos para traballar dun xeito máis estruturado e eficaz na loita contra a pobreza nos países de lingua oficial portuguesa. O proceso de constitución da rede contou co expertise do Fondo Galego a través de 'Redes para o desenvolvemento', un proxecto cofinanciado pola Unión Europea no que tamén se asesorou a entidades alemás e que se pecha esta semana en Lisboa.
A presidenta do Fondo Galego, Teresa París (Concello de Redondela), e a tesoureira, Pilar Gallego (Concello de Allariz), áchanse na capital lusa para asistir á xornada de conclusións, onde o secretario da asociación, Daniel González Palau (Igadi), exporá o papel do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional como Secretaría Técnica. Participará asemade no Seminario Internacional de Cooperación Descentralizada 'Novos desafíos, novas parcerías' para moderar o debate sobre 'Oportunidades na cooperación triangular', unha modalidade que promove alianzas entre tres países con distinto nivel de desenvolvemento nas que o intercambio e o coñecemento gañan relevancia.
Os municipios de Amadora, Faro, Grândola, Loures, Maia, Marinha Grande, Miranda do Corvo, Moita, Odivelas, Oeiras, Palmela, Seixal e Setúbal formalizaron a mediados de marzo a Rede Intermunicipal de Cooperaçao ao Desenvolvemento, tras tres anos de sensibilización e capacitacións nas que o Fondo Galego de Cooperación achegou a súa experiencia de tres lustros no sector. O Instituto Marquês de Valle Flôr foi quen concibiu o proxecto 'Redes para o desenvolvemento', que tamén implicou a ONGD alemá Fine+p. A iniciativa contou cun orzamento de 644.358 euros dos que a Comisión Europea achegou 483.268 euros.
O proxecto apostou pola xeración de sinerxías como estratexia para reducir a pobreza e avanzar na consecución dos Obxectivos do Milenio, á vez que se creaban novas canles de comunicación entre autoridades locais a nivel estatal e internacional. De feito, o obxectivo específico consistía en reforzar o papel das autoridades locais portuguesas e alemás como axentes activos da cooperación para o desenvolvemento. Para acadar os resultados agardados, organizáronse seminarios, presentacións, obradoiros, debates, etc.