O terremoto de 7,8 graos provocou a morte de 27 veciñas e veciños de Jama (dun total de 23.250), sendo a segunda cidade máis afectada polo sismo, a pouco máis de 50 km do seu epicentro. Ademais, o 85% dos edificios quedaron inutilizables, entre eles a propia Casa Consistorial. Esta axuda permitiu repoñer os sistemas informáticos municipais, que resultaban imprescindibles para o bo funcionamento dunha institución clave para minguar os efectos do desastre e impulsar a recuperación da zona e das súas xentes. O Fondo Galego financiou a súa adquisición, instalación e configuración e tamén contribuíu o Fons Català. O propio Concello de Jama puxo 16.382 euros, mentres que a Asociación Latinoamericana para a Integración dos Inmigrantes (ALII) colaborou mercando os equipos e asegurándose de que chegaran ao goberno local nas condicións axeitadas.