A poboación de Gaza seguía a padecer a comezos de 2015 as graves consecuencias da ofensiva israelí do verán anterior, polo que se fixo necesario seguir apoiando o programa de atención psicosocial da UNRWA. Estímase que a nova doazón financiou o tratamento psicolóxico de 33 nenas e nenos durante un ano, alén de apoiar terapias grupais e outro tipo de actividades sobre saúde mental comunitaria. A exposición aos bombardeos, sumada ao desemprego, a pobreza, e as restricións impostas polo bloqueo de Israel, predispoñen á veciñanza de Gaza á ansiedade, a depresión e as desordes no comportamento.
Hiperactividade, déficit de atención, impulsividade e condutas antisociais son algúns dos problemas máis comúns detectados entre a poboación infantil que en 2014 sufriu 50 días de ataques continuados, mesmo ás escolas da ONU, sen que a comunidade internacional reaccionara. A perda de familiares e a destrución dos seus fogares, engadidas ao xa habitual contexto de violencia, xerou nas nenas e nenos comportamentos coma un incremento da agresividade, pesadelos, problemas de alimentación e aprendizaxe, sensación de inseguridade, desconfianza, non xogar ou obsesionarse con xogos de guerra, illarse das persoas adultas ou aferrarse a elas. Uns traumas que resultaba fundamental tratar a través de xogos terapéuticos, terapias de relaxación, meditación, expresión artística ou contacontos.