Para reforzar as medidas de prevención anunciadas polo Goberno de Mozambique e minimizar, deste xeito, o risco de máis infeccións a través da propagación da Covid-19, o Fondo Galego mobilizou axuda de emerxencia para a adquisición de varios produtos recomendados pola OMS para o combate á pandemia. Así, foron adquiridos baldes, torneiras, xabón e máscaras para beneficiar a 10.000 persoas en situación de vulnerabilidade de 9 municipios mozambicanos: Maxixe, Mocuba, Maganja da Costa, Quelimane, Monapo, Angoche, Lichinga, Cuamba e Metangula. Ditos municipios son os que rexistran unha maior circulación de transporte de cargas e poboacional e son tamén centro de converxencia da poboación, o que levou a poñer o foco para reducir o número de contaxios que puideran producirse. Os materiais foron distribuídos nas propias comunidades, en escolas, morgues, vías de tránsito e mercados.
