No marco do programa de empoderamento feminino, o Fondo Galego financiou en 2012 o ‘Módulo para a emancipación social e a participación política das mulleres’, coa finalidade de afondar na cuestión da participación política das mulleres e promovela dunha forma holística en 15 suburbios da cidade. Ante os positivos resultados desta intervención na zona urbana e para evitar crear unha fenda entre as beneficiarias rurais e urbanas do programa, replicouse a intervención na zona rural, máis en concreto en 5 aldeas xa inseridas no programa e en 5 aldeas nas que se comezou a traballar en 2014 desde o mesmo marco. Este proxecto tivo por obxectivo contribuír ao aumento da participación social e política das mulleres da zona rural do distrito de Tiruchirapalli.
A través da metodoloxía dos grupos de axuda mutua, traballouse a autoestima das 1.500 mulleres integrantes dos mesmos, ademais de ser unha ferramenta para a acadar o seu empoderamento económico e social. Outras actividades complementarias incidiron na redución das barreiras da participación social e política das mulleres, promovendo unha contorna de maior equidade de xénero, e no incremento da información e formación das mulleres sobre o marco político.