O obxectivo desta intervención era ampliar o acceso á auga potable e ao saneamento da poboación rural, como dereito humano básico, mediante unha xestión integrada que contemple enfoques de transparencia e participación cidadá, entre outros. Para conseguilo, leváronse a cabo diversas accións a fin de fortalecer as capacidades municipais neste senso, comezando por formar ao persoal no manexo de programas onde integrar os datos e realizar a planificación hídrica, para o que tamén se lles dotou de equipamentos informáticos. Ademais, impartiuse un Diplomado en Hidráulica coa colaboración da universidade, de xeito que as técnicas e técnicos municipais poidan deseñar e executar sistemas de abastecemento, adquirindo os coñecementos necesarios para realizar os cálculos de tubaxes, materiais precisos, etc. para evitar as habituais avarías e os costes da súa reparación. Por último, elaborouse tamén un manual que recolle a metodoloxía para a construción de sistemas de auga rurais por parte dos concellos. Os municipios da mancomunidade Nasmar suman preto de 210.000 habitantes.