A situación de emerxencia sanitaria global a raíz da COVID-19 ten afectado ao mundo enteiro e o seu impacto trascende a esfera sanitaria, causando graves impactos socio-económicos. En Mozambique, un dos impactos máis negativos foi a redución das transferencias fiscais que o Goberno destina aos municipios, chegando a reducirse ata un 40%. Este escenario ten afectado aos municipios mozambicanos pola escasa capacidade de colecta dos ingresos propios municipais. A propagación da COVID-19 en Mozambique afectou ao cobro de impostos e taxas municipais e como consecuencia diso, a escasa prestación de servizos á cidadanía. A falta de equipamento informático nos municipios foi constatada como un dos principais problemas para a modernización dos servizos municipais. O equipamento informático, en tempos de distanciamento social, permite que os municipios continúen igualmente a intercambiar experiencias, reunirse cos seus pares e capacitarse, evitando asemade a aglomeración de persoas. Por tanto, co obxectivo de reforzar as capacidades dos municipios mozambicanos e a propia ANAMM, o Fondo Galego apoiou na adquisición de 15 computadores destinados aos municipios de Chokwé, Quissico, Gurué, Alto Molocué, Gorongosa, Catandica, Gondola, Moatize, Ulongué, Monapo, Cuamba, Metangula, Chiúre, Mueda e un último ordenador para a propia ANAMM.
