O concello de Ribeira Grande é un dos máis empobrecidos da illa de Santiago e o que posúe a taxa máis baixa de alfabetización no país (62,2%). Desde o ano 2006 a Asociación para a Cooperación con Cabo Verde ten apoiado a un grupo de mulleres das localidades de Gouveia, Cidade Vella, Porto Mosquito e Salineiro, que tras ser formadas na produción de diversos artesanados participan nunha experiencia conxunta de produción e comercialización. O grupo de 30 mulleres produtoras converteuse en cooperativa, e precisou entón un acompañamento institucional forte para a xestión da produción e da propia cooperativa. A Asociación para a Cooperación con Cabo Verde foi a encargada de coordinar e executar as actividades do proxecto, canda a Cámara Municipal de Ribeira Grande de Santiago.
En 2015 levouse a cabo a segunda fase do programa iniciado o día anterior, cuxo obxectivo era favorecer o empoderamento económico e social das 30 artesás que compoñen a cooperativa Sulada, tendo en conta que cada unha sustenta unha media de dez persoas. Para isto realizáronse formacións co fin de mellorar a produción de xabóns, aceites, conservas, licores, bixuterías ou peiteados. Tamén se impartiron capacitacións en informática, contabilidade e xestión, alén de aulas de alfabetización. Ao tempo, adquiríronse equipamentos, uniformes e materias primas. Intensificáronse asemade a promoción con materiais publicitarios, visitas a posibles clientes e o impulso da venda online. Buscouse así que os ingresos das produtoras medrasen un 50% e, á vez, a súa independencia e autoestima. De xeito paralelo, realizáronse actividades de sensibilización sobre cooperativismo e sobre violencia de xénero e dereitos das mulleres en catro localidades da Cámara Municipal de Ribeira Grande.