O 3 de xuño de 2018, o Volcán de Fuego, situado na zona central de Guatemala, iniciou unha forte actividade que desembocou na erupción máis virulenta dos últimos corenta anos. A poboación da contorna non foi evacuada, co que 131 persoas quedaron sepultadas e centos delas desaparecidas. As e os afectados abrigáronse principalmente en refuxios onde recibían manutención, vestimenta, medicamentos e o necesario para sobrevivir, mentres que outras fuxiron ás casas de familiares, coñecidos ou estraños que lles abriron as portas. No momento de solicitar o proxecto, a Congregación apoiaba a 5 familias do municipio de Jocotenango, ofrecéndolles abrigo, comida, roupa, artigos de hixiene e útiles de primeira necesidade, xa que o perderon todo ao quedar as súas casas enterradas pola mestura de pedra e lava. A través deste proxecto construíronse cinco vivendas provisionais para que estas familias puideran desenvolver a súa vida dun xeito digno.