A achega destinouse a paliar a emerxencia xerada tras o paso do devastador ciclón Idai, concretamente apoiando a reconstrución da vila de Nhamatanda, unha das máis prexudicadas tanto polo furacán como polo brote de cólera que lle seguiu. A ANAMM identificou como prioridade a dotación de depósitos de auga, produtos para o seu tratamento, útiles de hixiene persoal e limpeza e mais materiais de construción para poder reparar vivendas e infraestruturas, que resultaron gravemente danadas. Cun censo que rolda os 25.000 habitantes, Nhamatanda é o municipio que presenta unha maior taxa de poboación empobrecida dos que resultaron máis afectados polo desastre meteorolóxico, de aí que o Fondo Galego decidise apoiar esta zona, á que apenas chegou asistencia. O Idai está considerado un dos peores ciclóns tropicais dos que se ten constancia en todo o hemisferio sur.