A axuda destinouse á reconstrución dunha unidade de atención sanitaria que foi derrubada polas intensas chuvias do outono nos campamentos de Tinduf, que agravaron as xa difíciles condicións de vida da poboación refuxiada. O torrente de auga e os refachos de vento causaron cuantiosos danos nas infraestruturas e edificios públicos, coma os dispensarios ou o propio hospital. Dajla, a wilaya que se atopa máis afastada e na que se levou a cabo a intervención, resultou a máis prexudicada, pois o derrubamento das vivendas de adobe e de moitas jaimas obrigou a reunir ata vinte persoas nunha mesma tenda de campaña. A consecuente degradación das condicións hixiénicas fixo aínda máis necesario o centro sanitario que se reconstruíu, nun contexto marcado pola prevalencia de afeccións como a anemia nas mulleres ou a desnutrición en nenas e nenos, debido ao desabastecemento de auga e alimentos.