Abastecemento de auga potable nas comunidades de Injante e Úl (Illa de Pecixe)

Abastecemento de auga potable nas comunidades de Injante e Úl (Illa de Pecixe) 1280 576 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Os 1.500 habitantes das comunidades de Injante e Úl, en Guinea-Bissau, teñen acceso á auga potable a través das fontes instaladas nas súas aldeas durante a cuarta fase do proxecto impulsado na illa de Pecixe polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Un total de 250 familias, que viven practicamente illadas e sen acceso aos servizos máis básicos, verán melloradas as súas condicións de saúde e hixiene grazas ás novas infraestruturas realizadas en colaboración co goberno rexional de Cacheu.

Nas dúas comunidades construíuse un sistema de captación, extracción e abastecemento de auga potable que se traduciu na instalación dun depósito con capacidade para 4.000 litros e unha motobomba alimentada a través de paneis solares que canaliza o recurso hídrico ata as fontes públicas. Búscase reducir así os problemas de saúde derivados da baixa calidade da auga recollida nos pozos a ceo aberto e mais os esforzos físicos realizados para encher neles os bidóns, sobre todo por parte das mulleres e a rapazada, que adoitan encargarse desta tarefa.

Destaca asemade a implicación da poboación local en todo o proceso, desde a cesión de terreos ata elaboración dun modelo de xestión conxunta das novas infraestruturas entre o goberno local do Sector de Caio e a comunidade beneficiaria, a fin de garantir a súa correcta utilización e mantemento.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información