En dúas décadas de andaina, o Fondo Galego de Cooperación impulsou máis de 150 proxectos en preto de 30 países, entre os que destacan Cabo Verde, Nicaragua, Cuba e Perú. Igualdade de xénero, educación, saúde, auga e saneamento, vivenda, turismo sustentábel ou infraestruturas comunitarias son algunhas das áreas que vén apoiando a entidade, constituída por 91 concellos e tres deputacións que se comprometen coa solidariedade internacional desde o ámbito local. Para alén diso, ofreceu axuda de emerxencia ante conflitos bélicos e catástrofes naturais, como o terremoto en Haití ou o desprazamento de persoas refuxiadas.
Os esforzos do Fondo Galego concéntranse hoxe na África lusófona máis empobrecida, nomeadamente en Mozambique. Alí estase a traballar directamente co municipio de Nhamayábue para garantir o acceso á auga no barrio de Mutarara Velha. Abriranse catro pozos para que a poboación non teña que percorrer o río a causa da seca, evitando así os ataques dos animais que o habitan, que xa provocaron mortes.
Por outra parte, coa Fundação Encontro estase a executar unha intervención co deporte como ferramenta para previr doenzas e adiccións entre a mocidade. Ofreceranse alternativas de lecer, creando equipos en que se incentivará a participación e o liderado das rapazas, ao tempo que se formará en educación para a saúde un grupo que promoverá hábitos de vida saudábeis.
A maioría das vilas galegas non poderían desenvolver pola súa conta este tipo de proxectos, que si son posíbeis se actuarmos como un colectivo que procura sinerxías e une efectivos. Trátase de posuír un espazo de debate e encontro e de aforrar custos por partillar actividades e experiencias.
Confiamos en que a igualdade sexa un dos eixes da cooperación para construír un mundo máis xusto, sen dominacións, con oportunidades para todas as persoas. E este obxectivo temos que cumprilo desde a nosa condición de persoas dun país que padeceu represión e achou acollemento noutros países, que sufriu pobreza e tivo que emigrar e que, por tanto, entende os pobos cos que coopera e estabelece unha relación en pé de igualdade.
Facer política internacional significa apoiar os proxectos das organizacións que traballan neste ámbito. Para o goberno da Deputación da Coruña é unha obriga acompañar unha acción tan necesaria para camiñar cara á xustiza social e rematar coas desigualdades e a explotación dos pobos. Por iso contamos con liñas específicas de axuda a proxectos de cooperación internacional. Porque nada do humano nos é alleo e porque a transformación social reside, en gran parte, nas posibilidades de desenvolvemento que contribuamos a xerar en cada comunidade.
Goretti Sanmartín
Vicepresidenta da Deputación da Coruña e vogal do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
*Artigo de opinión publicado en La Voz de Galicia con motivo do Día Internacional da Solidariedade Humana