O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade lanza a nova actividade Intercambios Galicia-Portugal. Os municipios a prol dos ODS dirixida ás deputacións e concellos socios da entidade. Despois de varios anos organizando xornadas para dar a coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a importancia da súa integración na axenda local, apóstase agora por un coñecemento práctico que favoreza a súa implementación. Para isto, entre os meses de outubro a decembro organizaranse seis intercambios entre municipios galegos e portugueses, dado que os nosos veciños teñen máis camiño andado nesta dirección.
Matosinhos, Maia, Faro, Cascais, Loures e Palmela (estes dous xuntos), e Seixal son as cámaras portuguesas que participarán na actividade para trasladarlle a súa experiencia na localización dos ODS a seis municipios galegos, enviando representación técnica e política. Os intercambios levaranse a cabo nas seguintes datas:
- 1º intercambio – 22 e 23 de outubro
- 2º intercambio – 24 e 25 de outubro
- 3º intercambio – 19 e 20 de novembro
- 4º intercambio – 21 e 22 de novembro
- 5º intercambio – 10 e 11 de decembro
- 6º intercambio – 12 e 13 de decembro
Os concellos galegos que desexen participar nalgún destes intercambios teñen desde hoxe ata o 20 de setembro para enviar a ficha de solicitude, debidamente cuberta, ao enderezo comunicacion@fondogalego.org. Os municipios seleccionados, que tan só deberán correr co gasto do xantar das catro persoas convidadas, daranse a coñecer o 23 de setembro. Na documentación anexa ofrécense todos os detalles da convocatoria, que está confinanciada pola Xunta de Galicia e que conta co apoio técnico do Instituto Marquês de Valle Flôr.