O espectáculo 'Contos coas mans abertas', promovido polo Fondo Galego de Cooperación, representarase por última vez hoxe venres logo de xirar durante dous anos por toda Galicia para sensibilizar sobre a solidariedade. O Concello de Teo, membro da asociación municipalista, acollerá a actuación da Tropa de Trapo no centro sociocultural da Ramallosa, a partir das 20.30 horas, con entrada de balde.
Desde que en xuño de 2010 botara a andar na vila ourensá de Ramirás, a proposta músico-teatral creada pola compañía compostelá para o Fondo Galego percorreu un total de 61 escenarios de 48 Deputacións e Concellos socios da entidade, colleitando unha excelente acollida. O contacontos, dirixido a público adolescente e adulto, viña contemplándose nos Plans de Sensibilización do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, cofinanciados pola Xunta de Galicia.
O espectáculo baséase en pezas narradas a dúas voces con música en directo. Instrumentos como a guitarra española ou o laúde árabe mergullan as espectadoras e espectadores en historias reais, recollidas case todas en primeira persoa, contos sinceros e achegados que falan do fondo humano que nos une. Sen caer en tópicos sobre a solidariedade e a cooperación, 'Contos coas mans abertas' é unha proposta chea de esperanza, de humor, de amor, de pequenas loitas e grandes soños. Son contos para mellorar o mundo e entendelo mellor.
Mulleres da aldea, cooperantes, guerrilleiros, vacas, inmigrantes ou unha tribo bosquimá son algúns dos protagonistas das historias de Marta Ortiz e Brais Gutiérrez, dous ensinantes de vocación que en 2006 xuntaron a súa inquedanza pola narración oral no proxecto A Tropa de Trapo. Desde entón levan percorrido toda Galicia, e mesmo outras Comunidades Autónomas, facendo reflexionar a crianzas, mocidade e maiores cos seus diferentes espectáculos.