Dos debates que tiveron lugar durante a celebración das VI Xornadas Anuais de Cooperación, celebradas baixo o lema “A Cooperación Galega perante a crise económica e os desastres naturais”, na Deputación de Lugo, a 25 de xuño de 2010, despréndense as conclusións que se refiren a seguir:
- Os programas de voluntariado, máis alá das innegables virtudes en terreo no caso de voluntariados con participación en proxectos, teñen unha potencialidade sensibilizadora de primeiro nivel que convén aproveitar. Para alén dos efectos directos nas mesmas persoas voluntarias, o traslado das súas experiencias, contadas en primeira persoa, ao resto da cidadanía resulta de grande eficacia no derrubamento de estereotipos e promoción de valores solidarios.
- A crise está a ser empregada como escusa para xustificar a redución do esforzo económico realizado polas Administracións públicas galegas. Neste contexto, o traballo de sensibilización e educación para o desenvolvemento adquiren unha importancia, se cabe, maior, xa non só para concienciar as decisoras e decisores polític@s, senón tamén a mesma cidadanía, a fin de crearse un clima favorable á continuidade do compromiso público coa cooperación para o desenvolvemento.
- A cooperación internacional como ferramenta de empoderamento das comunidades do Sur e erradicación das desigualdades con respecto aos países do Norte, non debe limitarse aos proxectos de desenvolvemento se quere ser eficaz. Ha de incluír cambios no norte: de pautas de consumo na cidadanía e de pautas de relacionamento cos países do Sur por parte das institucións públicas e privadas do norte.
- Un ano máis volveuse a incidir na necesidade de que a cooperación internacional e as entidades que traballan neste eido teñan máis presenza nos medios de comunicación. Para acadar isto é preciso un traballo en dúas liñas: o aumento da sensibilidade nos medios de comunicación e un esforzo máis sistematizado no tratamento e difusión da información por parte do sector cooperante.
- Nese labor de comunicación continúa sendo fundamental insistir en que se evite amosar imaxes e discursos que vulneren os dereitos e a dignidade das persoas do Sur, perpetuando a visión, falaz, de superioridade do Norte sobre o Sur.
- Nesta época de crise a educación para o desenvolvemento e a sensibilización son ferramentas indispensables para potenciar a incidencia política, visibilizar as causas da desigualdade, xerar cultura solidaria na cidadanía e informar á sociedade civil para que poida exercer os seus dereitos. Deben configurarse como mecanismos de empoderamento da sociedade civil e non limitarse a dar a coñecer o traballo que se fai en cada organización.
- En relación á execución do Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009, as principais críticas céntranse: no incumprimento do aumento do compromiso orzamentario previsto, considerado pouco realista; no excesivo número de países prioritarios; na falta de avances no fortalecemento institucional da Xunta de Galicia en materia de cooperación (formación do persoal, número de persoas, non creación da Axencia Galega de Cooperación, coordinación interna e con outros axentes); no divorcio entre a cooperación descentralizada galega e a cidadanía, que non entende que se faga cooperación desde Administracións non centrais; na desvirtuación da finalidade de instrumentos como a convocatoria de microproxectos, inicialmente concibida non tanto para financiar proxectos pequenos como para apoiar proxectos de organizacións principiantes, a fin de que puidesen adquirir experiencia.
- Como elementos positivos da execución do Plan anterior refírese: a identificación do espazo lusófono africano como área de especialización a potenciar; o fortalecemento do sector cooperante galego; concentración da axuda nos países prioritarios; unha boa especialización das convocatorias.
- Estímase que o Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013, en xeral, aproveita os acertos e adopta boas medidas para a corrección de debilidades do Plan anterior.
- Insístese no carácter prioritario da creación da Axencia Galega de Cooperación, como reforzo institucional notable e como garante da entidade atribuída á cooperación polo goberno autonómico.
- Non existe acordo en relación á oportunidade da activación da diáspora galega como axente cooperante nin arredor das súas eventuais virtudes.
- As Administracións públicas galegas non teñen capacidade para intervir en situacións de emerxencia internacionais. Deste modo, os seus esforzos neste sentido só poden ser: ou canalizados a través doutros axentes públicos (AECID) ou privados (ONGDs de grande capacidade operativa ou con presenza no terreo antes da catástrofe); ou dirixidos á fase de post-emerxencia e reconstrución.