Conclúen os proxectos do Fondo Galego para construír vivendas en Nicaragua e Cabo Verde

Conclúen os proxectos do Fondo Galego para construír vivendas en Nicaragua e Cabo Verde

Conclúen os proxectos do Fondo Galego para construír vivendas en Nicaragua e Cabo Verde 1600 1200 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

– As mulleres e a poboación indíxena foron as principais destinatarias destas iniciativas coas que minguarán as enfermidades e mellorará a economía local

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de pechar o proceso de xustificación dos proxectos iniciados en 2011 para mellorar as condicións de habitabilidade en vilas de Nicaragua e Cabo Verde.

No arquipélago africano, a entidade colaborou coa Cámara Municipal de Paúl para rehabilitar vivendas na localidade de Lombo Comprido. Emprendéronse obras coma a construción de baños e cociñas, reparación de fachadas, drenaxe de augas, empedrado das rúas e recuperación de espazos verdes, amais dunha campaña de sensibilización ambiental. Aínda que nun principio estaba concibido para beneficiar a 17 familias extremadamente pobres, case a metade encabezadas por mulleres, finalmente o proxecto puido ampliarse a 21 casas, catro delas erguidas de raíz.

A través do Fondo Galego, que destinou 2.000 euros este proxecto, o Concello da Coruña achegou 20.000 euros, o de Vigo 15.000 e o de Pontevedra 11.000 euros. A iniciativa mellorará cuestións como a incidencia das enfermidades e a situación das mulleres, que terán máis intimidade e mesmo poderán emprender pequenos negocios. A actuación encádrase no Plan Municipal de Igualdade e Equidade de Xénero que tamén fora apoiado polo Fondo.

A familia de Belkys Elisabeth foi unha das beneficiarias do proxecto en Nicaragua.Doutra banda, en Nicaragua actuouse en parcería co Instituto de Promoción Humana (Inprhu-Somoto) para contribuír ao seu proceso de desenvolvemento local coa construción de once vivendas. A poboación rural chorotega de San José de Palmira, na municipalidade de Totogalpa, foi a beneficiaria desta actuación cofinanciada polo Fondo Galego con 6.190 euros e polo Concello de Vigo, socio da entidade, con 52.000 euros.

Instaláronse latrinas, cociñas melloradas, paneis solares ou sistemas de captación de auga da chuvia, pero tamén se fomentaron novos hábitos hixiénico-sanitarios para reducir doenzas coma o Mal de Chagas. Ao tempo, formouse as veciñas e veciños en autoconstrución e agricultura orgánica. Este tipo de actuacións tamén desincentivan a emigración e fortalecen a organización das comunidades, á vez que se dinamiza a economía local coa compra de materiais.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información