En Nicaragua apoiouse con Amigos da Terra a xestión ambiental de dúas áreas protexidas no Golfo de Fonseca. Para contribuír deste xeito ao desenvolvemento sostible, formouse a persoal tanto das municipalidades como dos Comités de Manexo Colaborativo, integrados polos principais actores locais. Tamén se lles dotou de ferramentas coma equipos informáticos ou GPS. Ao tempo, melloráronse os plans operativos das reservas e iniciáronse as accións contempladas neles, entre as que destaca a reforestación do manglar. Leváronse a cabo ademais diferentes actividades de sensibilización. O proxecto, dotado con 20.000 euros, executouse en parcería coa fundación Líder.
No mesmo país, Taller de Solidaridad traballou co Instituto de Promoción Humana (Inprhu-Somoto) para mellorar as condicións de habitabilidade e salubridade de seis familias chorotegas de La Muta, para o que recibiu 16.983 euros. A intervención permitiu reducir a incidencia do mal de Chagas e de enfermidades infectocontaxiosas, amais de desincentivar a emigración. Canda a formación en autoconstrución para colaborar nos traballos de albanelería, o proxecto contemplaba un curso sobre hábitos hixiénico sanitarios e capacitacións en agricultura orgánica, o que permitiu diversificar a dieta e reducir os índices de desnutrición. Para a actuación seleccionáronse familias empobrecidas afectadas polo furacán Mitch que tiveran a propiedade a nome dos dous cónxuxes.
Mellorar as capacidades de xestión dos recursos hídricos do persoal municipal de Marcovia era o obxectivo do proxecto financiado con 18.202 euros a Enxeñería sen Fronteiras en Honduras. O resultado foi un plan de xestión da auga para a comunidade de Monjarás, para o que foi preciso recadar datos da poboación e procesalos logo, a fin de elaborar propostas de actuación tanto no abastecemento como no saneamento. Para isto impartíronse capacitacións sobre a utilización do Sistema de Información Xeográfica e diferentes ferramentas ofimáticas, contribuíndo así ao fortalecemento institucional. Tamén se reforzou á Xunta de Augas con equipamentos e un intercambio de experiencias. A análise das fontes e as fumigacións contra o dengue foron outras actividades complementarias.
O proxecto da ONGD Implicadas no Desenvolvemento na India, ao que se achegaron 6.730 euros, está integrado no Programa para o empoderamento das mulleres en Tiruchy impulsado canda a ONG local People’s Development Initiatives (PDI). A través dos grupos de axuda mutua, traballouse a autoestima de 1.500 mulleres en quince suburbios da cidade. Outras actividades complementarias, coma teatro de rúa ou sesións de sensibilización en materia de xénero, incidiron na redución das barreiras para a participación social e política das donas.
Con anterioridade, xa remataran os proxectos de cooperación directa impulsados polo Fondo Galego con dúas municipalidades de Cabo Verde, un para mellorar a xestión de residuos en Porto Novo e outro para dinamizar a agricultura en Santa Cruz. Doutra banda, a comezos deste ano deron comezo en Mozambique, El Salvador e Cuba as propostas aprobadas a Ecos do Sur, Agareso e Asemblea de Cooperación pola Paz na convocatoria de 2013.