Concellos socios do Fondo Galego conmemoran o 25N cun filme ligado ao proxecto en El Salvador

Concellos socios do Fondo Galego conmemoran o 25N cun filme ligado ao proxecto en El Salvador 2560 1624 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Concellos socios do Fondo Galego conmemoran o 25N cun filme ligado ao proxecto en El SalvadorOs concellos galegos están a desenvolver diversas actividades con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se conmemora o 25 de novembro, e oito deles contan coa proxección do documental ‘En deuda con todas’. O filme pódese ver estes días en Bergondo, Xove, Poio, Guitiriz, Barreiros, San Sadurniño, Viveiro e Carballo. Trátase dunha sesión de cinefórum apoiada pola Xunta de Galicia e vinculada ao proxecto a prol dos dereitos sexuais e reprodutivos que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade financiou á ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) en El Salvador, cun total de 25.000 euros.

A salvagarda destes dereitos, a denuncia da violencia obstétrica ou o combate aos discursos de odio foron algúns dos temas xurdidos no debate interxeracional que se xerou tras o primeiro visionado da mediametraxe, que se centra na loita do movemento feminista salvadoreño pola despenalización do aborto, establecendo puntos de conexión entre as dúas beiras do Atlántico. A proxección deste audiovisual foi tamén unha das actividades de sensibilización sobre os dereitos sexuais e reprodutivos que se levaron a cabo no marco do proxecto de cooperación internacional apoiado polo Fondo Galego a través de ACPP e implementado pola Asociación de Promotores Comunales Salvadoreños (APROCSAL).

O obxectivo da intervención era fortalecer os mecanismos de participación cidadá para mellorar a calidade dos servizos públicos de saúde, así como o acceso aos mesmos, no municipio de Usulután. Máis de 600 habitantes de seis comunidades rurais, un 70% mulleres, se viron beneficiados de xeito directo, aínda que o impacto indirecto chegou a preto de 1.200 persoas. Neste senso, formouse a unha decena de voluntarias como promotoras de saúde, abordando aspectos como os métodos de planificación familiar, prevención do cancro de cérvix e de mama, educación sexual, riscos no embarazo ou primeiros auxilios.

Concellos socios do Fondo Galego conmemoran o 25N cun filme ligado ao proxecto en El SalvadorPor outra parte, no marco do proxecto realizáronse 200 mamografías e outros exames complementarios, alén de facilitar o transporte e a manutención para que as mulleres puideran desprazarse á clínica. As beneficiarias foron seleccionadas en función dos criterios ministeriais, atendendo ao risco en función da idade, antecedentes familiares, síntomas, etc. Amais de incidir na importancia de someterse ás probas preventivas, impulsáronse campañas de sensibilización arredor da violencia de xénero e sobre saúde sexual e reprodutiva. Deste xeito, as radios comunitarias e as redes sociais foron empregadas para informar sobre métodos anticonceptivos ou previr embarazos precoces.

Ao mesmo tempo, creouse un equipo conformado principalmente por lideresas comunitarias para avaliar a calidade e a calidez da atención sanitaria no centro de saúde e no hospital de Usulután. Tras analizar as necesidades detectadas nas enquisas iniciais, reclamaron melloras no subministro de medicamentos, nos tempos de espera e no trato do persoal. Este exercicio de supervisión realizarase cada seis meses. Ademais, as seis comunidades implicadas conformaron unha comisión de saúde para participar no comité do municipio, que á súa vez articulou unha rede para a vixilancia epidemiolóxica xunto con outros catro concellos.

Baixo o estado de excepción

O fortalecemento da organización comunitaria ao que contribuíu este proxecto cobra especial relevancia se temos en conta que se desenvolveu baixo un réxime de excepción decretado polo goberno salvadoreño, que deroga garantías constitucionais e dificulta o exercicio de dereitos básicos, coma ao de reunión. Cómpre apuntar asemade que o municipio de Usulután é un dos máis afectados polas detencións masivas, a maioría de homes, o que incrementa máis aínda a carga física e emocional das mulleres. Así mesmo, o proceso actual de centralización do poder reduce a marxe de manobra dos concellos e as políticas estatais están a favorecer o sector privado, en detrimento dos servizos públicos.

Cinefórum ‘En deuda con todas’
DATACONCELLOLUGARHORA
08/11BergondoAuditorio19:00 h
21/11XoveAula de Formación20:30 h
22/11PoioCasal de Ferreirós19:00 h
23/11GuitirizCasa Habanera17:00 h
24/11BarreirosCentro Social de San Cosme18:00 h
29/11San SadurniñoCasa da Cultura19:00 h
02/02Viveiro
12/02CarballoBiblioteca
    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información