Representantes de cinco concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade participarán do 7 ao 9 de xullo no III Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, organizado pola entidade galega e pola Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde (ANMCV) na cidade de Mindelo. O tema ‘Desenvolvemento local e localización dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, unha visión asentada no proceso de transición dixital dos territorios’ centrará o encontro, cofinanciado pola Xunta de Galicia e a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID).
A concelleira de Benestar Social de Cambre, Lúa Sanguiñedo, exporá a experiencia municipal na conferencia sobre ‘A inclusión dixital e a participación cidadá: Planeamento, xestión e orzamentos participativos na elaboración das políticas públicas autárquicas’. Pola súa banda, a edil de Turismo e Novas Tecnoloxías de Pontedeume, Yolanda Vázquez, e a concelleira de Igualdade de Cabanas, Paula González, dialogarán na mesa de ‘Presentación de boas prácticas para considerar futuras colaboracións’, onde falarán da inclusión dixital nas políticas de turismo sostible e da participación veciñal na vida municipal a través de aplicacións móbiles, respectivamente.
Tamén asistirán ao evento a concelleira de Benestar Social de Lugo, Olga López Rocamonde, e mais a técnica municipal de Pontedeume Marián Castro, xunto co presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, que intervirá en varias sesións. De igual xeito, a xerente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Andrea García Corzo, presentará a Rede de Autoridades Locais da Lusofonía, integrada por gobernantes locais e rexionais de Galicia e doutros sete países de lingua oficial portuguesa para fomentar a aprendizaxe mutua e impulsar iniciativas comúns en sintonía coa Axenda 2030.
No entanto, o III Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía arrincará coa apertura oficial por parte da ministra de Cohesión Territorial de Cabo Verde, Janine Lélis. A sesión inaugural contará tamén coa coordinadora da Oficina Técnica de Cooperación da AECID no país, Patricia Ramos; o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo; o presidente da ANMCV, Herménio Celso; o alcalde de São Vicente, Augusto César Neves; Helena Rebelo, en nome da Comisión Organizadora, e o propio presidente do Fondo Galego.
A primeira xornada completarase cunha plenaria sobre ‘A transformación dixital e os ODS’, a cargo da Secretaría de Estado de Economía Dixital e da Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA). Haberá tamén unha mesa sobre ‘A transición dixital e o futuro sustentable do planeta: resiliencia ante o cambio climático’, onde terá a palabra a Asociación Nacional dos Municipios de Mozambique (ANAMM) e ‘A transición dixital na construción de territorios máis prósperos: finanzas municipais e mobilización de recursos’.
20 anos de cooperación
En 2022 cúmprense dúas décadas da colaboración entre o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a ANMCV. Neste tempo, a asociación de concellos e deputacións promoveu no arquipélago africano máis de trinta proxectos de cooperación en materia de xénero, educación, auga e saneamento, vivenda ou infraestruturas comunitarias. Ademais, establecéronse sólidas relacións institucionais a través do programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, das misións político-técnicas a terreo ou de actividades de sensibilización como a campaña ‘Galicia-Cabo Verde: unha irmandade’.
Alén da pertinente conmemoración, no encontro daranse a coñecer as experiencias de éxito desta parcería e asinarase un novo memorando de entendemento entre o Fondo Galego e a ANMCV. Os presidentes de ambas as dúas entidades participarán a continuación na clausura do III Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, que correrá a cargo do viceprimeiro ministro e responsable de Economía Dixital, Olavo Correia. O encontro pecharase o 9 de xullo cunha visita á illa de Santo Antão, onde se teñen impulsado numerosos proxectos.