Comunicado polo pasamento de Gladys Cáceres, directora do INPRHU-Somoto (Nicaragua)

Comunicado polo pasamento de Gladys Cáceres, directora do INPRHU-Somoto (Nicaragua)

Comunicado polo pasamento de Gladys Cáceres, directora do INPRHU-Somoto (Nicaragua) 1600 1067 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade expresa o seu máis sentido pésame polo recente falecemento de Dona Gladys Cáceres. Desde o ano 2003, a nosa entidade e o Instituto de Promoción Humana-Somoto, con ela á fronte, colaboraron de forma directa en case unha vintena de proxectos en áreas como vivenda, saúde, auga e saneamento, formación ou turismo sustentable. O INPRHU tamén acolleu en varias ocasións voluntariado do programa Vacacións con Traballo e, á súa vez, representantes da ONGD nicaraguana foron recibidos en Galicia. Deste xeito, temos constancia do gran labor que Dona Gladys e o seu equipo teñen impulsado para favorecer o desenvolvemento sostible e a igualdade de oportunidades para todas as persoas.

Desde que regresou ao norte de Nicaragua tras completar os seus estudos de Maxisterio, Gladys Cáceres converteuse nun axente de cambio e un exemplo de compromiso coa comunidade. De 1979 a 1990 dirixiu, no Departamento de Madriz, o Ministerio de Benestar Social do goberno sandinista. Durante a súa xestión atendeuse aos desprazados da guerra, creáronse os primeiros comedores para nenas e nenos rurais e mais o adiantado Centro Preventivo para Adolescentes 'Los Quinchos'.

Foi co fin das súas funcións dentro do Ministerio nicaraguano cando fundou o INPRHU, que prioriza programas de saúde preventiva, crédito, agricultura orgánica, apoio a comunidades indíxenas e o fortalecemento de gobernos locais, nos que o Fondo Galego tivo unha especial implicación. O liderado de Gladys Cáceres estivo encamiñado a defender os dereitos humanos, promover a participación cidadá, empoderar ás mulleres e apoiar ás familias máis vulnerables. Unha loita na que compartimos obxectivos e coa que, sen dúbida, o INPRHU-Somoto continuará adiante, atopando inspiración no seu legado a pesar da dureza destes agres momentos.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información