Comunicado do Fondo Galego con motivo do Día d@ Cooperante

Comunicado do Fondo Galego con motivo do Día d@ Cooperante

Comunicado do Fondo Galego con motivo do Día d@ Cooperante 1500 1035 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Consideramos insoportable vivir nun mundo no que, habendo suficiente para tod@s, morra unha nena ou un neno cada 6 segundos por causas relacionadas coa fame, ou no que 1.400 millóns de persoas teñan que vivir con menos de 1€ ao día.

O planeta vive momentos difíciles, cunha crise económica global e intensa, pero isto non nos debe levar a baixar a garda no noso esforzo cooperante. A crise afecta de peor modo aos países máis pobres e o esforzo solidario que estamos facer hoxe en día en Galicia aínda está moi lonxe de ser o desexable.

Na cooperación para o desenvolvemento corresponde un labor de importancia capital ás persoas cooperantes dos países do Norte, que combaten en primeira liña as inxustizas, ao lado de persoas e entidades que no Sur loitan por mudar o estado de cousas para, as máis das veces, simplemente poder sobrevivir. As e os cooperantes do Norte achegan traballo e coñecementos ao Sur e, de volta no países ricos, co relato dos seus testemuños, contribúen a que teñamos un coñecemento máis preciso e próximo da realidade dos países empobrecidos. O seu labor ten, así, unha dimensión sensibilizadora fundamental.

Desde o Fondo Galego foi lanzado en 2006 o programa Vacacións con Traballo, a través do que funcionariado e persoal laboral das entidades locais socias viaxan ao Sur durante un mes para colaborar coas entidades locais e ONGDs parceiras do Fondo Galego nos países empobrecidos. Non gañan diñeiro por esas colaboracións e pasan o seu período vacacional axudando a outr@s. Trátase dun exercicio de xenerosidade e humanismo encomiables e admirables que deberan encher de orgullo a Galicia, que representan.

Desde 2006 viaxaron 14 técnic@s locais e este ano farano outr@s 5. Arquitect@s, técnic@s de servizos sociais, especialistas en cuestións de xénero, axentes de emprego… achegaron e achegarán o seu saber especializado a Cabo Verde, Cuba, Nicaragua e Perú. Pero a súa misión non acaba no Sur. Á volta son aliad@s insubornables da loita contra a pobreza no planeta, contribuíndo de modo impagable a que as nosas entidades locais sexan máis conscientes do drama da desigualdade e da utilidade da cooperación para o desenvolvemento. Desde a experiencia, o Fondo Galego pode aseverar que estas e estes cooperantes voluntarios das nosas entidades locais fixeron dos nosos Concellos e Deputacións unhas institucións máis conscientes, solidarias e humanas.

Ás mulleres e homes de Vacacións con Traballo e a todas e todos os cooperantes de Galicia en xeral desexamos, neste día, transmitir un grande grazas. Vós facedes o mundo máis habitable e Galicia un pouco máis grande. Grazas.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información