Comeza a xira da obra ‘A Teteira de Kabul’ por concellos socios do Fondo Galego de Cooperación

Comeza a xira da obra ‘A Teteira de Kabul’ por concellos socios do Fondo Galego de Cooperación

Comeza a xira da obra ‘A Teteira de Kabul’ por concellos socios do Fondo Galego de Cooperación 657 657 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A obra de teatro de monicreques ‘A Teteira de Kabul’ inicia hoxe a súa xira por unha ducia de concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, coincidindo co Día Mundial das Persoas Refuxiadas. A peza, que convida a reflexionar sobre as migracións forzosas e o papel das sociedades de acollida, representarase ás 18:30 horas no auditorio de Salceda de Caselas, e nos próximos meses pasará por A Pobra do Caramiñal, Caldas de Reis, Coristanco, Gondomar, Lugo, Malpica, Moraña, Ponteareas, Pontevedra, Sober e Vedra, con entrada de balde.

Esta proposta de Xarope Tulú, en coprodución coa ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz, é unha adaptación do conto homónimo de Carolina Pujadas, baseado á súa vez nos recordos infantís da activista afgá Nadia Ghulam, refuxiada en España. Cunha presenza destacada da tradición oral, transmitida polas mulleres, a obra fala das vivencias das persoas que se vén na obriga de abandonar o seu fogar por causa da guerra, a persecución a pobreza, etc. Ademais, ‘A Teteira de Kabul’ foi finalista nos Premios María Casares 2024.

A peza conta a historia de Mina, unha nena que debe abandonar o seu fogar por mor da guerra no seu país, Afganistán. A protagonista comeza unha longa viaxe coa súa familia e, a pesar das duras condicións, coa axuda das historias que lle conta súa nai, vai descubrindo a beleza neste periplo. Mina irá gardando as historias nunha pequena teteira e así poderá tirar delas cando precise que os contos a arroupen. Desta volta, a xira da obra por concellos integrados no Fondo Galego de Cooperación está cofinanciada pola Xunta de Galicia.

Nun contexto onde cada vez máis municipios galegos están a dar acollida a persoas migrantes e refuxiadas, esta actividade de educación para a cidadanía global busca dar a coñecer a súa realidade, estimulando o espírito crítico para cuestionar os prexuízos que existen sobre elas. Ademais, preténdese fomentar a empatía intercultural, o respecto á diversidade, a inclusión e a solidariedade entre os pobos, así como chamar a atención sobre as desigualdades de xénero e o seu impacto en situacións bélicas ou de conflito.

Cine e charlas

Obxectivos semellantes teñen os cinefórums ‘Olladas do Sur: cinema en curto desde a África lusófona’ que se estrearon esta semana no Concello de Miño e que axiña chegarán tamén á Laracha, Bergondo, Burela, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Cangas, Carral, Corcubión e Pontedeume. A través de curtametraxes sobre Cabo Verde, Guinea-Bissau ou Mozambique, vincúlanse as realidades galega e africana, facendo fincapé nos proxectos de cooperación impulsados polo Fondo Galego nestes países.

Na mesma liña se enfoca a actividade ‘Que raio fai o meu concello en África?? Coloquio con participantes nas misións internacionais do Fondo Galego’, impartida por políticas e políticos municipais integrantes da Comisión Executiva da entidade que se desprazaron a Mozambique e Guinea-Bissau para supervisar os proxectos alí apoiados en materia de vivenda, saúde, auga ou dereitos da infancia. Tanto o alcalde de Nigrán, Juan González, coma o de Cuntis, Manuel Campos, tiveron xa a oportunidade de compartir as súas experiencias con alumnado de Ames e Poio. As próximas paradas serán Cambados, Mugardos e Trabada, a fin de fomentar a reflexión crítica sobre as causas da pobreza e dar a coñecer a participación dos concellos na cooperación internacional.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información