Persoal da Deputación de Pontevedra e dos Concellos de Ourense e Castrelo de Miño participará este ano en ‘Vacacións con Traballo’, o programa de voluntariado internacional do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A iniciativa, dirixida ás técnicas e técnicos das Administracións locais e provinciais socias da entidade, ofertaba este ano tres prazas en Cabo Verde e unha en Nicaragua. As persoas seleccionadas investirán o seu mes de descanso colaborando cos parceiros do Fondo Galego nestes países do Sur. Alí compartirán coñecementos teóricos e prácticos.
Da Deputación de Pontevedra participarán nesta sexta edición de ‘Vacacións con Traballo’ un técnico e unha técnica. Joaquín Lede, coordinador de proxectos europeos na administración provincial, vai colaborar coa Cámara Municipal de Brava. A comisión avaliadora das candidaturas valorou a súa alta capacidade de traballo e coñecementos e experiencia en organización, finanzas públicas e xestión de proxectos.
Pola súa banda, María José Pérez González, arquitecta da Unidade de Promoción e Desenvolvemento da Deputación de Pontevedra, realizará o voluntariado na Cámara Municipal do Paúl.
A derradeira vacante en Cabo Verde cóbrea Cristina Moreiras, técnica de Medio Ambiente no Concello de Ourense. Cooperará tamén coa Cámara Municipal do Paúl, desenvolvendo o seu labor como técnica ambiental.
A Nicaragua viaxará Diego Sánchez Calviño, empregado do departamento de Turismo no Concello de Castrelo de Miño (Ourense). No país centroamericano colaborará co Instituto de Promoción Humana (INPRHU), parceiro tradicional do Fondo Galego ao que apoiará como técnico de turismo con coñecementos de creación e edición de vídeo.
Xornada formativa e blog
Antes da viaxe, as candidatas e candidatos seleccionados para participar no programa ‘Vacacións con Traballo’ en 2011 terán o 23 de xuño unha xornada formativa na Illa de San Simón, onde na actualidade se atopa a sede do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, que exerce a Secretaría Técnica do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Durante a súa estadía no Sur, os catro voluntarios e voluntarias levarán cadanseu blog onde darán conta das súas vivencias. Á volta, difundirán a súa experiencia participando en distintas actividades e nunha publicación que recollerá os seus testemuños. Trátase de potenciar así a dimensión sensibilizadora do programa ‘Vacacións con Traballo’ para concienciar sobre a realidade dos países empobrecidos. Á vez, mellórase a visibilidade e transparencia dos proxectos de cooperación ao desenvolvemento que alí se cofinancian.