Concelleiras de catro municipios socios Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade achegarán hoxe a súa experiencia en equidade de xénero ás edís e alcaldesas que conforman a Rede de Mulleres Autarcas de Mozambique. As concelleiras de Igualdade de Lugo, Moaña e San Sadurniño, e mais a edil de Cultura do Concello de Verín participan desde onte no encontro nacional organizado en Maputo polas súas homólogas africanas. Ana G. Abelleira, María Ortega, Ana B. Gundín e Emilia Somoza compartirán boas prácticas no eido das políticas municipais de xénero e darán algunhas claves para favorecer a participación das mulleres na política local.
As catro concelleiras, canda a técnica do Fondo Galego Carmen Novas, áchanse en Mozambique desde o luns, día no que iniciaron o seu percorrido visitando o municipio de Mandlakaze da man da súa alcaldesa e presidenta da RMAM, María Helena Correia, quen xa visitara varios concellos galegos. Alí tiveron a oportunidade de intercambiar impresións non só cos membros da Corporación, que expresaron as súas dificultades para ofrecer os servizos de saúde, educación, arranxo de estradas ou abastecemento de auga, senón tamén con emprendedoras locais ou con mulleres cabeza de familia, unha realidade habitual no país lusófono que adoita levar ás mulleres e ás súas fillas e fillos a unha situación vulnerable.
As edís tamén se desprazaron ao distrito de Boane para coñecer o centro de acollida de menores da Casa do Gaiato e supervisar de primeira man o proxecto financiado polo Fondo Galego de Cooperación á Fundação Encontro, que permitiu incrementar de xeito notable as consultas pre e post parto. Alí entrevistáronse coas activistas que ían porta por porta en cada aldea para concienciar ás nais da importancia de levar un control médico. Segundo a concelleira moañesa María Ortega, "é impresionante o traballo que entidades coma esta están a facer con poucos recursos económicos, o seu labor coas diferentes comunidades é indispensable para este país". "O arduo traballo de persoas cooperantes e voluntarias e das organizacións locais permitiume ver, comprender e sentir a pertinencia da cooperación ao desenvolvemento para seguir loitando a prol da igualdade de oportunidades, co fin último de acadar a xustiza social", complementaba a lucense Ana G. Abelleira.
A representante de San Sadurniño, Ana B. Gundín, amosou pola súa banda "a satisfacción de comprobar que a pequena aportación que os concellos fan ao Fondo Galego serve para poñer en marcha pequenos proxectos que contribúen a mellorar a vida de moitas persoas", "aínda que tamén me queda a espiña de ver o moito que falta por avanzar no eido da igualdade, tanto de xénero coma entre estratos sociais", engadía. Emilia Somoza, a edil de Verín, declarouse asemade "esperanzada ao ver que tanta xente está disposta a un gran cambio a favor da humanidade en todos os sentidos, e practicamente a cambio de nada".