Carlos Ugarte: “En España atendeuse a tres persoas por ébola, no foco da epidemia as cifras aproxímanse aos 18.000 casos e máis de 6.500 mortos”

Carlos Ugarte: “En España atendeuse a tres persoas por ébola, no foco da epidemia as cifras aproxímanse aos 18.000 casos e máis de 6.500 mortos”

Carlos Ugarte: “En España atendeuse a tres persoas por ébola, no foco da epidemia as cifras aproxímanse aos 18.000 casos e máis de 6.500 mortos” 1163 882 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O responsable de Relacións Externas de Médicos Sin Fronteras, Carlos Ugarte, visitou os perfís sociais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o pasado luns 15 de decembro para conversar coas e cos internautas sobre cuestións como o esquecemento no que caeu a crise do ébola e os problemas derivados da mesma en África Occidental, a enorme magnitude da epidemia e a insuficiente e tardía resposta da comunidade internacional, o traballo de MSF en Siria e outros países en conflito, os problemas aos que se enfrontan para levar a cabo o seu labor en terreo ou como lle está a afectar a organización os recortes en axuda humanitaria.

Este encontro dixital vén pechar o programa #Alén2015, unha iniciativa que se puxo en marcha este ano a entidade municipalista e na que participaron doce organizacións e axentes da cooperación co obxectivo de facer unha valoración crítica dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), que conclúen o vindeiro ano, e coñecer as propostas das e dos convidados para a Axenda Post 2015.

Carlos Ugarte é licenciado en Dereito pola Universidade de Deusto (Bilbao). Leva vinculado a Médicos Sin Fronteras (MSF) desde 1995, cando participou na apertura da delegación de MSFE en Euskadi. Na actualidade, é responsable de Relacións Externas de MSFE. Previamente, traballou como coordinador de proxectos, loxista e coordinador xeral en países como Iraq, Ecuador, Irán, Somalia ou Kosovo.
 

1. Que balance facedes dos ODM desde MSF e que recomendacións suxerides para a Axenda Post-2015, tendo en conta o marco no que se desenvolven os encontros dixitais #Alén2015?

Como moitas outras declaracións de intencións e plans de acción adoptados nos últimos anos, os ODM necesitan un compromiso político e financeiro sostido que non se deu, e máis desde que comezou a crise económica. Hai ámbitos cruciais para a saúde nos países en desenvolvemento nos que non se están dando avances ou onde estes son moi lentos.

Como organización médico humanitaria que traballa sobre o terreo, MSF é testemuña de situacións que demostran que queda moito por facer. Así ocorre, por exemplo, coa insuficiente resposta á sida, a tuberculose, a desnutrición infantil ou a malaria, enfermidades que a pesar de poder previrse, de ser tratables e, por tanto, curables seguen matando a millóns de persoas cada ano por falta de recursos.

Sobre as recomendacións para a Axenda Post 2015, non temos propostas concretas que formular. MSF é unha organización médica que desenvolve o seu traballo en escenarios de crises humanitarias.

Con todo o respecto que nos merecen, non somos unha organización de cooperación ao desenvolvemento que traballa por obxectivos a máis longo prazo. Nós operamos en contextos onde se dá unha excepcional e xeneralizada ameaza á vida humana, a saúde ou a subsistenciaAs persoas ás que atendemos actualmente en Siria, República Centroafricana, Sudán do Sur, República Democrática do Congo ou as vítimas do ébola, por pór só algúns exemplos, non poden permitirse esperar solucións a medio-longo prazo, xa que as súas necesidades vitais requiren dunha resposta urxente que non admite demora.

2. Cales son os principios que rexen a comunicación de MSF? Como valorades o tratamento mediático da crise do ébola?

Como sucede en todas as grandes crises humanitarias, a atención mediática adóitase disparar en momentos puntuais para caer, posteriormente, no esquecemento, coma se xa non existise. No caso de España, a atención mediática estivo moi ligada ao primeiro e único caso de contaxio de ébola no noso país, relegando a un plano inferior a cruel realidade que se vive nestes momentos no foco en África Occidental.

En canto á segunda pregunta, enlazando co tema do ébola e outras crises, a prioridade da comunicación de MSF é tratar de evitar que as crises caian no esquecemento. Non sempre o logramos, pero non deixamos por iso de tentalo. Como sabedes moitos, MSF é unha organización que foi fundada por médicos e xornalistas. Este feito marcou a importancia que a comunicación e a relación cos medios ten para a organización como ferramenta de testemuño da situación das poboacións afectadas por crises humanitarias.

3. Ata que punto MSF ten en conta as "condicións ou recomendacións" do Ministerio de Asuntos Exteriores á hora de traballar nunha determinada zona onde é necesaria a axuda humanitaria?

MSF non segue as "recomendacións de viaxes" do Ministerio de Asuntos Exteriores porque, precisamente, canto peor é a situación nun país máis necesaria é a presenza da organización. Normalmente, pola nosa experiencia, cando se pechan embaixadas ou consulados é cando a nosa presenza é máis pertinente.

4. Que opinades da actuación e actitudes do Estado español cos casos de infectados? Pensades que é correcto traer as persoas infectadas, e o criterio de a que persoas si, e a cales non? 

En canto á primeira pregunta, desde MSF non facemos valoración da actuación do Goberno español en esta materia concreta.

Se falamos de traballadores que están en primeira liña de loita contra o ébola no foco da epidemia (que é unha responsabilidade de todos) somos favorables a que as persoas reciban tratamento e atención o máis preto posible dos seus seres queridos. É unha cuestión de pura xustiza. España actuou neste tema das evacuacións como o fixeron outros países como Francia, EEUU ou Noruega con respecto aos seus propios cidadáns.

5. Ademais do traballo nos focos de crises sanitarias ou humanitarias declaradas como "emerxencia", tedes algún plan de acción a longo prazo, é dicir, plans de prevención de enfermidades, como a SIDA, malaria, etc., enfocados a incentivar certos hábitos de seguridade, xa sexa a través da educación sanitaria ou outorgando certos recursos?

É certo que tamén traballamos en materia de prevención e realizamos campañas de comunicación, información e sensibilización vinculadas directamente ao día dos nosos proxectos máis regulares, como pode ser no caso de proxectos de VIH/Sida. Estas campañas son un elemento máis da resposta a situacións de emerxencia tamén no ámbito destas enfermidades.

Por exemplo, no caso dos proxectos de MSF de loita contra a malaria en Níxer, xunto coa distribución masiva de tratamentos preventivos como a quimioprevención da malaria estacional ou a distribución de mosquiteiras impregnadas en insecticida, tamén levamos a cabo accións de promoción da saúde como un compoñente máis da resposta.

Dado que traballamos masivamente con persoal nacional dos países nos que intervimos (formado e contratado por MSF), ese persoal queda capacitado para seguir desenvolvendo este tipo de actividades unha vez que nos retiremos do país ou da zona cando a fase de emerxencia finalizou.

6. Volvestes a Somalia, país no que creo que tivestes que pechar todos os vosos proxectos pola falta de seguridade para co voso persoal? En relación con isto, cal é a liña que separa a seguridade do persoal e a perseveranza no labor humanitario (porque de seguro que a organización tamén arrisca en moitos outros países)?

Vímonos obrigados a abandonar Somalia tras 25 anos de traballo ininterrompido por razóns de seguridade. No entanto, seguimos analizando as condicións para unha posible volta se as circunstancias de seguridade o permitisen, posto que as necesidades da poboación son enormes e nosa presenza pertinente.

Sobre a segunda parte da pregunta, habitualmente, en zonas de conflito, MSF asume o mesmo nivel de risco que as poboacións ás que asiste, pero o que resulta inaceptable, e este foi o caso de Somalia, é que nos convertésemos en obxectivo directo e deliberado dunha violencia criminal. Cando se cruza esta liña entre a inseguridade xeral do contexto do que se trata e a criminalidade especificamente aos nosos traballadores humanitarios é cando non nos queda outra opción. Por iso seguimos traballando en zonas de violencia xeralizada como a República Democrática do Congo, Sudán do Sur ou República Centroafricana e vímonos obrigados a marchar de Somalia, pero esperamos poder regresar axiña.

7. Vexo que estás vinculado a MSF desde 1994, un ano terrible para a historia da humanidade debido a todo o que ocorreu en Ruanda. Nese caso en concreto, Europa non fixo o máis mínimo caso a todo o que alí ocorría, do mesmo xeito que o ébola non foi un problema real ata que traspasou fronteiras. MSF tamén colabora á hora de visibilizar certos problemas de África (xenocidio nese caso) en Europa ou, pola contra, a vosa actuación principal é a de paliar as distintas epidemias de índole sanitaria?

Levo en MSF exactamente desde 1995 pero si que recordo perfectamente o xenocidio de Ruanda e os repetidos chamamentos que naqueles momentos MSF fixo á comunidade internacional e a Nacións Unidas. Conscientes de que un xenocidio non se detén con médicos e facendo uso da nosa responsabilidade de protección como parte do noso mandato, tratamos por todos os medios de chamar a atención sobre o que estaba a ocorrer. Desgraciadamente, nin a nós nin a outros actores sobre o terreo se nos fixo caso.

O traballo de MSF dáse en contextos de crises humanitarias con independencia de catástrofes, epidemias e conflitos bélicos (como ocorre agora coa nosa presenza en Siria, RCA e Sudán do Sur por pór tres exemplos). Por iso, o testemuño, xunto coa asistencia directa ás poboacións, segue sendo un elemento esencial do noso traballo. En resumo, si que nos preocupamos, e moito, de dar testemuño da situación que padecen as vítimas de conflitos. Nós sempre dicimos que non sabemos se as palabras salvan vidas pero o se que sabemos seguro é que o silencio mata.

8. Alén de Siria e do ébola, cales son as crises máis graves nas que estades a traballar neste momento e que aquí están esquecidas?

Son moitas, pero por destacar algunhas particularmente esquecidas e que mencionamos antes serían: República Centroafricana (da que vimos alertando sobre a súa catastrófica situación desde hai anos) ou República Democrática do Congo, que padece un intenso conflito desde fai case tres décadas, ou tamén Sudán do Sur, o país máis novo do mundo, onde traballamos desde 1983, e que este ano sumou un conflito interno ao seu xa precaria situación sanitaria.

A lista sería moi longa pero por pór outro exemplo de crise humanitaria prolongada, poderiamos tamén falar da combinación malaria e desnutrición infantil en Níxer, a violencia indiscriminada contra a poboación civil na Franxa de Gaza, os conflitos de Iemen e Afganistán… Por desgraza, trátase dunha lista interminable.

Se queredes máis información sobre República Centroafricana, o que está a ocorrer ou o que fai MSF, recoméndovos esta web que realizamos o ano pasado. Tamén me gustaría engadir que este ano, por primeira vez desde a segunda guerra mundial, segundo datos de ACNUR, o número de persoas que viven lonxe das súas casas por mor da violencia superou os 50 millóns, por iso tamén elaboramos un proxecto que se chama Éxodos que quere falar sobre a súa situación.

9. Como é posible que MSF apena rexistre contaxios e en España de dous casos que tivemos xa resultou afectada unha sanitaria? Cres que fallou o protocolo?

Non se trata de entrar en comparacións, non coñecemos con detalle os medios dos que dispón o Ministerio de Sanidade nin os protocolos de seguridade que se implementaron. Sería imprudente pronunciarnos respecto diso. Si podemos dicir que o risco cero absoluto non existe.

A experiencia de MSF vén ditada por 19 anos de resposta a brotes de febres hemorráxicas en contextos africanos. A que nos ocupa é a número 16 neste tipo de intervencións, o que nos permitiu desenvolver experiencia á hora de afrontar estas respostas.

No entanto, e como antes comentaba, o risco cero non existe e o persoal MSF non é alleo a iso. No noso ánimo non está dar leccións a ninguén. Porén, é bo lembrar que mentres que en España se atenderon a tres persoas, no foco da epidemia as cifras aproxímanse aos 18.000 casos (segundo datos da OMS) e máis de 6.500 mortos.

10. No voso informe anual afirmabades que a de Siria era unha das peores guerras dos últimos tempos. En que se diferenza doutros conflitos nos que interviñestes? Cal é o voso traballo alí??

En primeiro lugar, unha das diferenzas é o número de persoas afectadas. Non así a carga de sufrimento que xera e da falta de solucións políticas ou diplomáticas que é común a outros conflitos. Respecto ao volume de poboación afectada, falamos de máis de 200.000 mortos, máis dun millón de feridos, 7 millóns de desprazados internos e máis de 3 millóns de refuxiados en países veciños (o maior volume desprazamento de poboación causado por un conflito bélico nas últimas décadas).

MSF presta asistencia desde o comezo do conflito e a nosa intervención vaise adaptando á evolución do mesmo. Realizamos desde campañas de vacinación no medio do conflito, como foi o caso de Alepo, a instalación de hospitais "bunkerizados" para prestar asistencia sanitaria de urxencia ás vítimas directas da violencia. Tamén viñemos prestando asistencia á poboación que se viu privada de atención sanitaria como consecuencia do colapso do sistema público de saúde.

Na medida na que instalacións médicas e traballadores sanitarios se viñeron convertendo en obxectivo directo da violencia, estamos a intensificar as nosas operacións transfronteirizas para dotar de material médicos e subministracións ao persoal sanitario dentro do país. Tamén damos resposta aos refuxiados dos países da contorna. Recoméndovos que vexades a web que vos comentaba antes, Éxodos, porque un dos contextos dos que fala é Siria.

11. Como está funcionando a campaña #StopÉbola e cal é a situación actual da enfermidade en África Occidental?

Nestes momentos, a epidemia segue lonxe de estar controlada. As necesidades son, como a propia epidemia, cambiantes. Con todo, a resposta da comunidade internacional (con contadas excepcións) segue sendo insuficiente e pouco adaptada ás necesidades. Se queredes afondamos sobre a pobre resposta que o Goberno de España está a dar á epidemia. Dicirvos que a cifra oficial de infectados de ébola en África Occidental poderían ser só a punta do iceberg, xa que este número podería ser dúas veces maior con aqueles casos non reportados.

Por non falar do colapso total que esta epidemia está a ter sobre sistemas de saúde moi fráxiles. Estamos a falar de países como Serra Leoa, con apenas dous médicos por cada 100.000 habitantes, ou Liberia, con un médico por cada 100.000. Actualmente, nestes países unha muller con complicacións no parto ou un neno con malaria atopan serios problemas para acceder a atención médica, o que xera unha mortalidade indirecta de enormes proporcións.

Respecto da campaña #StopÉbola, unha vez máis nos demostra que a cidadanía é máis sensible e responsable que o Goberno. Desde que a puxemos en marcha (o 29 de outubro), a campaña recibiu 2,2 millóns de euros de fondos privados.

12. Alén do apoio con recursos económicos, tamén será importante que se lle dea facilidades ao persoal sanitario que quere ir colaborar sobre o terreo, non? Cónstavos se desde o Estado Español se está a facilitar esta saída?

Desde MSF e outras ONG vimos pedindo ao Goberno desde hai anos que se facilite a actividade dos traballadores sanitarios no sistema público de saúde para que participen na resposta a emerxencias fóra do noso país. Actualmente, o traballo destes cooperantes a efectos do seu currículo profesional non se ve recoñecido, o que dificulta as súas saídas a terreo, mesmo se ve penalizado.

A complexidade do modelo territorial e a dispersión normativa a el asociada dificultan que o conxunto do colectivo conte con idénticas condicións e garantías en cuestións laborais, segundo a Comunidade Autónoma á que estean adscritos. Por iso, desde MSF pedimos que se harmonicen aspectos como a concesión de permisos e excedencias, bolsas de traballo, a reserva de prazas e que se valore experiencia do cooperante nas oposicións para ocupar prazas no sistema público sanitario de aplicación uniforme en todo o territorio nacional. Así que, como vedes, aínda queda moito por conseguir neste campo tamén.

13. MSF ten algunha pretensión de superar amplamente o seu labor de base médico-asistencial? Vexo que si traballades na saúde pública en sentido estrito e que mesmo vos preocupades da comunicación e información dos conflitos. Pero pregunto isto porque desde 2005 a OMS considerou necesaria a creación dunha Comisión de Determinantes Sociais da Saúde e vós podedes ser un actor importante para avaliar, investigar e informar sobre os cambios sociais que son ineludibles para que mellore a saúde das poboacións que atendedes.

Como vos vin comentando, somos unha organización médica que traballa en crises humanitarias. No entanto, e aínda que non teñamos esa pretensión de cambio social, sempre pómos o noso coñecemento e experiencia a disposición para a mellora das condicións médico humanitarias das poboacións ás que asistimos.

14. Como afecta a MSF o recorte en axuda humanitaria?

Médicos Sin Fronteras conta co apoio de máis de 5 millóns de persoas en todo o mundo, dos cales 600.000 residen en España. Iso permítenos actuar alá onde cremos que somos máis necesarios con independencia de calquera outra consideración. Isto estanos permitindo facer fronte aos tremendos recortes no financiamento da axuda humanitaria, a política pública que maior recorte sufriu nesta lexislatura (en concreto, do 90% desde 2010). Iso non quita para que os devanditos recortes si estean a afectar a outras ONG e mesmo axencias da ONU, o que nos obriga a multiplicar o noso traballo en contextos de crises onde cada vez nos atopamos máis sós.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información