Cambados reincorpórase ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Cambados reincorpórase ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Cambados reincorpórase ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade 1199 703 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade


O Concello de Cambados vén de reincorporarse ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, rede na que máis de oitenta municipios e dúas deputacións concentran os seus esforzos a prol da cooperación internacional. Deste xeito, o Concello contribuirá ao impulso de proxectos de desenvolvemento en países empobrecidos e mais á concienciación da veciñanza fronte as desigualdades a través de diversas actividades.

Así o anunciou hoxe en rolda de prensa a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, para quen "esta incorporación non é un mero trámite, senón que adquirimos o compromiso de participar activamente neste organismo e colaborar cos seus fins, defendendo e promocionando os dereitos humanos e a acción exterior de Galicia para a construción dun mundo máis xusto e solidario". A vicepresidenta do Fondo Galego e edil redondelá, Teresa París, agradeceu a disposición e lembrou que a entidade "promove a cooperación internacional descentralizada, traballando de administración local a administración local, xa que como concellos coñecemos de primeira man os problemas que teñen os municipios, e iso supón un valor engadido".

Tamén o concelleiro de Servizos Sociais, Constantino Cordal, lembrou que o goberno cambadés "está comprometido coas políticas sociais e coas causas xustas e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade represéntaas moi ben". "Seremos un membro activo, cumpridor e entusiasta, porque temos a sensibilidade suficiente", engadiu. Cambados deuse de baixa do Fondo Galego en 2011 e agora volve achegar a cota anual duns 1.000 euros que lle corresponde segundo a súa poboación. A incorporación de novos concellos e deputacións a esta rede solidaria é unha das prioridades das novas Liñas Estratéxicas 2016-2019.

A alcaldesa de Cambados comprometeuse a participar activamente no seo da asociación.O plan para a captación de novos socios foi precisamente o primeiro punto da xuntanza da Comisión Executiva que hoxe se celebrou en Cambados, na que participaron representantes dos concellos de Redondela, Pontevedra, A Coruña e Oleiros. Adxudicáronse asemade as actividades que as administracións adheridas poderán implementar ao longo do ano para sensibilizar á cidadanía na defensa dos dereitos humanos, tales como exposicións, actuacións musicais, contacontos, charlas ou obradoiros de fotografía e calceta.

Está aberto ademais o prazo para presentarse ao concurso Imaxes con Fondo e ao programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo. Así mesmo, o 3 de maio celebrarase en Pontevedra un seminario internacional de educación para o desenvolvemento, no que o Fondo Galego e diversos concellos achegarán a súa experiencia canda entidades de Portugal, Alemaña e Holanda ás que asesoran nun proxecto europeo.

No eido da cooperación, o Fondo Galego está a apoiar un proxecto a prol da saúde infantil e materna en Mozambique e mais a reconstrución dun centro sanitario danado polas inundacións do outono nos campamentos saharauís. Así mesmo, alcaldesas e concelleiras galegas levarán a cabo un intercambio de experiencias no país lusófono. A entidade tamén ten denunciado a situación das persoas refuxiadas nunha declaración institucional.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información