O boletín 'Infórmate a Fondo' non só recolle os actos da Irmandade Galicia-Cabo Verde que se desenvolverá entre o 9 e o 14 de decembro coa visita dunha delegación africana, senón tamén un avance da exposición que o fotoxornalista Rober Amado preparou no país lusófono como gañador do certame Imaxes con Fondo.
O IAF 132 debulla o programa das VIII Xornadas do Fondo Galego 'Comunicación e cooperación internacional', que se celebrarán no Día dos Dereitos Humanos e na que tamén tomarán parte representantes de Cabo Verde. Sobre a súa cultura atlántica fala asemade a cantante Uxía Senlle na entrevista que pecha a publicación.
As recentes Vacacións con Traballo dunha técnica e un técnico municipais en Cabo Verde e Nicaragua reséñanse no boletín que informa sobre a actualidade do Fondo Galego, así como os últimos proxectos desenvolvidos no arquipélago africano e noutros países do Sur. Dáse conta ademais do resultado da segunda Asemblea xeral do ano, na que se resolveu a convocatoria de cooperación indirecta e se presentou o novo Plan de Comunicación da entidade.
As actividades desenvolvidas con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza centran outro dos artigos, mentres que as fotonovas amosan a xuntanza coa Vicepresidencia da Xunta de Galicia, os obradoiros sobre consumo responsable e sobre radio para a educación en valores ou os actos polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Podedes atopar o IAF tamén nas seguintes plataformas: