Autoridades locais de Honduras intercambian experiencias cos concellos sobre xestión da auga

Autoridades locais de Honduras intercambian experiencias cos concellos sobre xestión da auga

Autoridades locais de Honduras intercambian experiencias cos concellos sobre xestión da auga 641 908 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Seis alcaldes e unha alcaldesa do sur de Honduras percorreran os días 27 e 28 de novembro catro concellos galegos para intercambiar experiencias arredor da xestión pública da auga e o saneamento. A actividade encádrase no proxecto que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade financia con 36.740 euros á ONGD Enxeñería Sen Fronteiras para fortalecer as capacidades técnicas dos sete municipios centroamericanos, a fin de que poidan mellorar estes servizos nas comunidades rurais.

San Lorenzo, Amapala, Nacaome, Marcovia, Goascorán, Namasigüe e El Triunfo son as vilas costeiras que integran a mancomunidade Nasmar, no Golfo de Fonseca. Os seus máximos representantes estarán mañá martes ás 11.30 horas no Concello de Arteixo e a partir das 18 horas no de Castrelo de Miño. O mércores ás 9 horas ofreceráselles unha recepción no Pazo de Raxoi, mentres que ás 16 horas está previsto que cheguen a Teo. Previamente, participarán en Santiago de Compostela no Foro Aberto 'O dereito humano á auga desde a xestión municipal. Experiencias desde Honduras e Galicia', que se celebrará ás 11.30 horas na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O encontro está especialmente pensado para edís e persoal técnico da administración local, que poden inscribirse en info@galicia.isf.es.

Alén das citas coorganizadas polo Fondo Galego, a axenda da delegación hondureña complétase cun encontro hoxe luns ás 10 horas coa vicerreitora de Internacionalización e Cooperación da Universidade da Coruña, Pilar García, mentres que ás 13.30 horas serán recibidos polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González. Ademais, o vindeiro xoves reuniranse con representantes da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, que cofinancia o proxecto na mancomunidade Nasmar, e con Augas de Galicia.

Acceso a un dereito básico
En canto á iniciativa que se está a implementar sobre o terreo, o obxectivo é ampliar o acceso á auga potable e ao saneamento da poboación rural, como dereito humano básico, mediante unha xestión integrada que contemple enfoques de transparencia e participación cidadá, entre outros. Para conseguilo, estanse a levar a cabo diversas accións a fin de fortalecer as capacidades municipais neste senso, comezando por formar ao persoal no manexo de programas onde integrar os datos e realizar a planificación hídrica, para o que tamén se lles dotará de equipamentos informáticos. Ademais, impartirase un Diplomado en Hidráulica coa colaboración da universidade, de xeito que as técnicas e técnicos municipais poidan deseñar e executar sistemas de abastecemento, adquirindo os coñecementos necesarios para realizar os cálculos de tubaxes, materiais precisos, etc. para evitar as habituais avarías e os costes da súa reparación. Por último, estase a elaborar un manual que recolla a metodoloxía para a construción de sistemas de auga rurais por parte dos concellos.

Os municipios da mancomunidade Nasmar suman preto de 210.000 habitantes, dos que aproximadamente o 70% non dispoñen dunha traída en condicións axeitadas. Na zona rexístranse ademais altos índices de desigualdade e pobreza, por enriba da media do Estado que se sitúa no 65%. Cómpre ter en conta asemade que Honduras é un país altamente vulnerable ao cambio climático, debido á súa degradación medioambiental, e está considerado un dos máis afectados por fenómenos meteorolóxicos extremos, como furacáns e secas. De feito, a visita a Galicia das autoridades locais hondureñas, prevista inicialmente para outubro, houbo de ser adiada por mor da tormenta tropical Michael, que provocou a perda de colleitas e vivendas no Golfo de Fonseca e media ducia de falecementos en todo o país.

A auga está recoñecida coma un dereito humano, de xeito que "toda persoa ten dereito a dispoñer de auga suficiente, salubre, aceptable, accesible e asequible para o uso persoal e doméstico". Ademais, os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados por Nacións Unidas recollen como ODS 6 "garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sustentable e o saneamento para toda a poboación". A xestión municipal da auga é unha cuestión que afecta tanto aos países do Norte coma os do Sur, e moitas das problemáticas e solucións que se presentan son comúns aos distintos territorios.

Enxeñería Sen Fronteiras Galicia
Enxeñería Sen Fronteiras Galicia é unha asociación, baseada no voluntariado, que nos seus 25 anos de traxectoria tratou de buscar os xeitos de poñer a tecnoloxía ao servizo do desenvolvemento humano e do ben común, convencida de que isto pode contribuír a acadar un mundo xusto e solidario. Traballa en educación -moi vinculada ás escolas universitarias técnicas-, campañas de sensibilización e incidencia política, e tamén en rede con organizacións aquí e noutros países, como Honduras, para visibilizar e paliar os problemas de acceso a servizos básicos que son un dereito humano, e onde a tecnoloxía pode ter moita presenza, como  a auga, a alimentación, a enerxía ou as TIC. Todo iso, sempre procurando que as persoas sexan quen de coñecer os seus dereitos e loitar por eles.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información