A gran rede de persoas e institucións que conforman o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está de loito polo pasamento de Alfredo Novoa, presidente da nosa asociación de concellos e deputacións durante catorce anos. Agora que a entidade está a piques de cumprir un cuarto de século, non podemos máis que agradecerlle o forte pulo que, como concelleiro de Oleiros, lle deu á solidariedade municipalista en Galicia.
Alfredo Novoa participou activamente na xestación do Fondo Galego, da man do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), defendendo a solidariedade global desde o local sempre que tiña ocasión. Baixo o seu mandato (1998 – 2011) xermolou e consolidouse a cooperación cos países do Sur, especialmente con Cabo Verde e Cuba, tecendo un compromiso co desenvolvemento das sociedades máis desfavorecidas que perdura hoxe en día.
Informático de profesión, o seu activismo amosouno tamén no mundo sindical e na vida política, exercendo durante dúas décadas como tenente alcalde de Oleiros e sendo aínda na actualidade presidente de honra do seu partido, Alternativa dos Veciños. O agarimo do seu pobo levouno a ter mesmo unha rúa co seu nome. Defensor do diálogo e a honestidade, o seu labor foi tamén intenso na Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad a nivel estatal, onde estes días o recordan con cariño e admiración.
Pola súa posta en valor do poder local como peza clave da cooperación ao desenvolvemento impulsada desde Galicia, pero tamén por toda a súa traxectoria vital, non podemos máis que recoñecer o labor de Alfredo Novoa, desde a tristura que nos produce a súa marcha pero tamén desde o convencemento de que o seu legado perdurará no tempo. Con ese consolo, enviamos unha forte aperta á súa familia e amizades, así como ás compañeiras e compañeiros do Concello de Oleiros. Que a terra lle sexa leve.