As rapazas e rapaces, no centro da transformación social

As rapazas e rapaces, no centro da transformación social

As rapazas e rapaces, no centro da transformación social 1199 883 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A miúdo escoitamos que "as nenas e nenos son o futuro", pero no Fondo Galego de Cooperación cremos que as nenas e nenos son tamén o presente. Por iso a construción dunha sociedade máis xusta e inclusiva non se entendería sen implicalas e implicalos no proceso. De aí que no Día Internacional da Infancia, que hoxe se conmemora, poñamos no centro ás rapazas e rapaces, non só para reivindicar os seus dereitos -moitas veces vulnerados e non unicamente nos países menos desenvolvidos-, senón tamén para pór en valor o seu papel activo na defensa, a práctica e o contaxio da solidariedade.

As e os escolares son precisamente os principais destinatarios das actividades de sensibilización fronte as desigualdades que o Fondo Galego promove nas preto dun cento de administracións locais que a día de hoxe son socias da entidade. Concellos de toda Galicia teñen, deste xeito, a oportunidade de ofrecerlle á súa veciñanza máis nova propostas coma os contos da Tropa de Trapo. 'Contamos todas', 'Ti tamén contas' ou 'Antía, Wamba e o regato pequeno' non son representacións nas que as nenas e nenos actúan como meros espectadores, senón que tamén levan aparellados obradoiros participativos para que reflexionen sobre cuestións como a equidade de xénero, o materialismo, o traballo infantil ou as catástrofes naturais.

Facer reflexionar ao alumnado, pero desta volta sobre as fronteiras e a situación das persoas refuxiadas, é tamén a finalidade da obra 'O valo' que Pallasos en Rebeldía creou para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a partir do premiado texto homónimo de Carlos Labraña. O obxectivo deste coidado espectáculo é evitar o esquecemento das guerras e da xente que delas foxe, en moitos casos menores, ao tempo que se convida a transformar a realidade pensando un mundo diferente.

As rapazas e rapaces, no centro da transformación socialO teatro, pero tamén a música, a fotografía ou o cinema, téñense revelado como ferramentas eficaces para a espallar a formación en valores como a liberdade, a solidariedade, o respecto ou a igualdade. Neste senso, as deputacións e concellos socios do Fondo Galego teñen ao seu dispor, entre outros filmes, o documental 'Dreaming Nicaragua', producido pola Fundación Fabretto, que achega un retrato transgresor de catro nenos que viven na extrema pobreza en Nicaragua. A fita lévanos alén das súas dificultades e dálle voz á rapazada, que resulta sorpredentemente divertida, esperanzada e optimista cando un profesor de arte itinerante lles ofrece un espazo seguro para expresarse e soñar, en contraste coa vida diaria marcada pola fame, a explotación infantil e a violencia.

A proxección ofértase en paralelo á exposición 'Nicaragua, o futuro', realizada polo fotoxornalista Felipe Carnotto en Centroamérica como gañador do certame Imaxes con Fondo. A mostra dá a coñecer un país co que tradicionalmente ten cooperado o Fondo Galego, coa arela de promover a interculturalidade e actitudes de respecto cara a poboación migrante. Tamén outras exposicións, como 'Galicia-Cabo Verde: unha irmandade', adoitan instalarse nos centros educativos para espertar a curiosidade e a conciencia crítica das cativas e cativos.

É desta maneira, buscando un equilibrio entre entreter e educar, entre o trasfondo social e o humor ou o xogo, como a mensaxe solidaria vai calando nas mentes e nos corazóns, xa que segundo nos transmiten desde os propios municipios as actividades están a acadar o seu obxectivo satisfactoriamente e todos sen excepción apostan por seguir impulsándoas. A aqueles concellos que comparten connosco o compromiso cos Dereitos Humanos Universais pero que aínda non forman parte do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, convidámolos a unírense a esta rede, que vén de cumprir vinte anos de andaina, a través da que poderán ofrecerlle á cidadanía máis nova todas estas oportunidades de coñecer distintas realidades e actuar para transformalas en positivo.

Rocío Fraga
Concelleira na Coruña e vogal do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

*Artigo de opinión publicado en Praza Pública con motivo do Día Internacional da Infancia

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información